Tramo baixo da conca do río Eume. Abrupto val de orixe tectónica, con profundas gargantas e abas de pronunciada pendente, que alberga un dos bosques climácicos máis extensos de Galicia, dun valor ecolóxico e paisaxístico excepcional. Aínda que a maior parte da área se encontra no piso colino, o sector oriental sitúase xa no piso montano inferior. O rango altitudinal vai dos cero aos 720 m sobre o nivel do mar, cunha media de 413 m.
A área presenta unha xeoloxía variada. Na súa parte occidental sitúase dentro do dominio da Serie de Ordes, na que predominan os cuarzo-esquistos biotíticos, aparecendo un cinto de metagabros (rocas básicas). Máis ao leste a zona queda baixo o dominio do Ollo de Sapo, que inclúe gneises glandulares, esquistos, lousas, cuarcitas e pedras de gra. No aspecto xeomorfolóxico, o val estrutúrase en diferentes chanzos, de maneira que, desde a costa ao interior, primeiro se encontra a superficie de erosión tortoniana, que se sitúa arredor dos 200 m de altitude; a superficie de erosión aquitaniana sitúase por encima da anterior, a unha altura aproximada de 400 m; por último, atópase a superficie eóxena-paleóxena, situada arredor dos 600 m. O espazo protexido inclúe dentro dos seus límites, total ou parcialmente, dous Puntos de Interese Xeológico: "C-104 Ría de Ares", que afecta á morfoloxía do val do Eume, incluído Caaveiro; e "C-20 Encoro do Eume", que subliña a morfoloxía e o metamorfismo de contacto entre as lousas ordovícicas e os granitos de Forgoselo.
A conca do Eume ensancha na metade do seu curso. Neste tramo, xa dentro do espazo natural, incorpóranselle pola marxe esquerda os ríos Frei Bermuz (10 km) e San Bartolomeu (8 km). As subconcas destes afluentes, xuntamente co curso baixo do Eume propiamente dito e o que quedou por encima do nivel das augas do encoro da Capela (de aproximadamente 10 km de lonxitude), constitúen a zona de maior interese ecolóxico. Ao longo dun tramo de preto de 30 km de leito, o Eume descende desde os 200 m s.n.m. na cola do encoro, ata os menos de 10 no extremo occidental do espazo natural. O seu encaixamento dá lugar a un canón espectacular augas abaixo da presa do encoro, no que os barrancos chegan a superar os 300 m de altura.
Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e encóntrase na área de contacto entre os sectores galaico-asturiano e galaico-portugués. O tramo máis baixo do Eume sitúase no dominio climático oceánico húmido, pero gran parte do espazo natural atópase nunha área de transición entre este e o dominio oceánico de montaña, que prevalece nas terras altas de Monfero. As precipitacións medias anuais oscilan entre os 1.400 mm preto da costa e os máis de 1.900 mm nas zonas máis altas do interior. As temperaturas medias anuais van desde os 11,7 aos 15,1 ºC.

Mapa topográfico (14,2 Mb)
Guía informátiva (8,5 Mb)
Folleto/Mapa topográfico (8,5 Mb)
Guía detallada (7,7 Mb)
Guía topográfica (mxd) (475 Kb)
