Data de declaración
5 de xuño de 1992.
Situación
No extremo suroeste da provincia da Coruña (península da Barbanza). Corrubedo e Aguiño son poboacións limítrofes co espazo natural, mentres que a capital municipal, Santa Uxía de Ribeira, dista pouco máis de 2 km.
Concellos
Ribeira.
Superficie
996,25 ha.
Outras figuras de protección
Accesos
A partir das estradas C-550 (Noia-Santa Uxía de Ribeira ou Padrón-Santa Uxía de Ribeira) ou da Vía Rápida VRG-111, continuando logo pola estrada AC-303 (Santa Uxía de Ribeira-Corrubedo).
Infraestruturas
Descrición
Excelente exemplo de complexo de barra-lagoa litoral, con extenso sistema dunar en avanzado estado de evolución, de gran valor natural e paisaxístico. Constitúe probablemente a mellor e máis extensa representación deste tipo de ambientes no noroeste de España, e alberga unha gran variedade de tipos de hábitat en bo estado de conservación nun espazo relativamente reducido.
Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico híper-húmido (en transición a oceánico húmido con tendencia á aridez estival), cunha precipitación media anual de arredor dos 1.244 mm, temperatura media de 14,6 ºC e ausencia total de xeadas. O rango altitudinal é de 0-73 m sobre o nivel do mar.
O conxunto xeolóxico do Parque Natural formouse hai 12.000 a 15.000 anos, no Cuaternario. A erosión e a acumulación de area polo vento orixinou unha barreira areosa que pechou a primitiva baía. Formouse así unha masa de auga encorada, que foi colmatando progresivamente por sedimentos traídos polo vento e os ríos, perdendo profundidade e dando lugar á actual zona húmida do Carregal, que quedou comunicada co mar mediante pequenas canles e constituíu o que actualmente é unha lagoa litoral semipechada. Os seus fondos máis superficiais, formados por limos e areas e sometidos á oscilación do nivel da auga debida ás mareas e ás chuvias, evolucionou ata formar a actual marisma, poboada por plantas adaptadas ao réxime periódico de inundacións e descubertas mareais e á variable salinidade de augas e solos.
A fronte actual do Parque Natural constitúea unha serie de praias areosas (A Ladeira-Ferreira, A Lagoa, O Vilar, Anguieiro) que, en conxunto, se estenden ao longo duns 5 km, e nas que aparecen algúns baixíos rochosos. Estes areais dan paso cara ao interior a varios sistemas dunares ben estruturados, nos que se inclúen diferentes cordóns de dunas primarias e secundarias, extensos campos de dunas semifixadas, chairas eólicas, dunas remontantes estabilizadas e varios tipos de corredores e depresións de deflación eólica. Tras a praia da Ladeira, ao norte do espazo natural, encóntrase unha gran duna móbil, de preto de 1 km de lonxitude, ata 250 m de anchura e unha altura duns 15 m; esta duna avanza impulsada polos ventos do suroeste cara ao interior en lento e constante movemento. As barras dunares separan do mar dúas interesantes zonas húmidas: a lagoa e marisma do Carregal, que se prolonga na lagoa de Artes, e a lagoa de Vixán, ao sur da zona. No Carregal conflúen varios cursos de auga (Longo, Sirves, Artes e Cidade) e mantén contacto co mar mediante unha canle natural de desaugamento, pola que se ve sometido regularmente ás mareas e mantén vexetación halófila, aparecendo diferentes tipos de salgais e xunqueiras. A lagoa de Vixán, por contra, está illada normalmente do mar, e as súas augas son doces ou debilmente salobres, o que facilita o desenvolvemento dun amplo cinto de vexetación helofítica, con predominio da carriceira. O espazo natural vese completado por pequenos tramos de costa rochosa baixa nos seus extremos setentrional e meridional (Corrubedo, punta Corbeiro), piñeirais de repoboación (en gran parte sobre terreos areosos), áreas cultivadas e, xa fóra dos seus límites, unha ampla baía mariña.
Hábitats
Ademais dos hábitats de interese comunitario (incluídos no anexo I da Directiva 92/43/CEE) relacionados máis abaixo, o parque natural conta con boas mostras de vexetación helofítica (fundamentalmente carriceiras) na lagoa de Vixán.
Flora e vexetación
Un dos ecosistemas litorais con maior riqueza de flora e de comunidades vexetais ben conservadas do noroeste de España, que lle confiren ao parque natural un carácter de orixinalidade e rareza digno de mención. O catálogo de flora rolda os 250 taxons, o que representa unha cifra moi importante tendo en conta a especificidade ecolóxica deste tipo de medios, e inclúe un gran número de endemismos ibéricos occidentais e numerosos taxons ameazados na nosa Comunidade Autónoma. Moitas das citas son novidades provinciais ou rexionais, ou refírense a taxons con distribución restrinxida en Galicia.
Destaca, en primeiro lugar, a vexetación das praias e os sistemas dunares. Soamente estes medios albergan unhas 200 especies de fanerógamas, algunhas incluídas nos catálogos de plantas endémicas, raras ou ameazadas de España e outras cun valor florístico ou bioxeográfico singular. Aínda que a vexetación de cabeceira de praia e das primeiras frontes dunares (dunas primarias e secundarias) está moi ben representada, destaca especialmente a vexetación propia das dunas terciarias e das dunas estabilizadas, localizada nas zonas máis ou menos afastadas do mar e máis protexidas, e composta por un complexo mosaico no que dominan especies anuais (terófitos) e pequenos arbustos e algunhas plantas herbáceas (caméfitos, criptófitos e hemicriptófitos), que a miúdo medran sobre unha densa alfombra de brións e liques. Entre os moitos taxons propios destes medios cabe mencionar os endemismos Iberis procumbens subsp. procumbens, Alyssum loiseleuri, Silene scabriflora subsp. gallaecica, Viola kitaibeliana var henriquesi, Linaria polygalifolia, Mibora minina subsp. littorea e Omphalodes littoralis subsp. gallaecica (esta última moi rara ou posiblemente desaparecida). En depresións húmidas e pradarías areosas inseridas na trasduna aparecen varias especies de orquídeas, algunhas delas infrecuentes ou recollidas no anexo II da Directiva Hábitats, como Epipactis palustris e Spiranthes aestivalis. Entre a flora terofítica de praia citouse na zona a euforbia Chamaesyce peplis, de distribución moi localizada e ameazada no noroeste de España.
Acorde coa presenza de diferentes tipos de zonas húmidas, con réximes hidrolóxicos, salinidades e grao de permanencia da auga variados, a vexetación de marismas é tamén moi diversa. Na lagoa do Carregal e Artes, con influencia diaria das augas mariñas, predomina a vexetación de marismas e xunqueiras salobres e halófilas, nas que abundan Puccinellia maritima, Salicornia ramosissima, Sarcocornia perennis, Halimione portulacoides e Juncus maritimus, entre moitas outras adaptadas aos solos lamacentos intermareais. Pola contra, na lagoa de Montevixán e no sistema de charcas e pradarías inundables anexo, a influencia das mareas é nula ou excepcional, de xeito que as formacións de helófitos, como o carrizo (Phragmites australis) entre outros tipos de vexetación ligados á auga doce ou debilmente salobre, ocupan as súas augas e beiras de forma maioritaria. É de remarcar a presenza de Scirpus pungens (especie en perigo segundo o Libro vermello da flora vascular española), Spergularia australis (endémica galaico-portuguesa), Centaurium scilloides, Ranunculus ophioglossifolius, Suaeda albescens, Triglochin bulbosa subsp. barrelieri (todas elas singulares e sometidas a diferentes niveis de ameaza) e diversos hidrófitos moi localizados ou pouco citados, como Najas marina, Nitella tenuissima, Chara vulgaris ou Ruppia maritima.
Nos solos máis evolucionados que rodean o complexo litoral, así como sobre dunas fixadas, desenvólvese un bosque de repoboación de piñeiro marítimo (Pinus pinaster) e piñeiro insigne (Pinus radiata), baixo o que se dá un sotobosque de fieitos, toxos, uces e xestas. Nas zonas de bordo destes piñeirais, e sobre areas estabilizadas, aparecen algunhas especies características como a carpaza (Cistus salviifolius), o espárrago (Asparagus officinalis subsp. Postratus), o xacinto endémico (Scilla merinoi), ou o trobisco (Daphne gnidium).
Fauna
As especiais condicións biolóxicas deste ecosistema litoral convérteno na principal área de cría dun gran número de especies de invertebrados e peixes que habitan na costa circundante, polo que a riqueza da pesca comercial nas augas próximas depende en gran parte do normal desenvolvemento das súas larvas na lagoa do Carregal. Ademais, entre a rica fauna de invertebrados terrestres hai que destacar a presenza dalgunhas especies ameazadas, como o odonato (Coenagrion mercuriale), o cerambícido (Cerambyx cerdo) ou o carábido (Zabrus pinguis).
A herpetofauna é un dos valores salientables do parque natural, que foi catalogado no inventario de áreas importantes para a herpetofauna española (Dirección Xeral de Conservación da Natureza, 2004). Así, pódense encontrar no espazo natural 10 especies de anfibios das 14 existentes en Galicia (71%) e 14 especies de réptiles das 20 presentes no territorio autonómico (70%), na súa maioría ligadas a dunas, depresións húmidas e matogueiras. Destaca a presenza de especies de filiación mediterránea, como o sapo de esporóns (Pelobates cultripes), o esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai), a lagarta dos penedos (Podarcis hispanica), a lagarta rabuda (Psammodromus algirus), e a cobra riscada (Elaphe scalaris) que se encontran aquí moi preto do límite setentrional da súa área de distribución e manteñen, en varios casos, poboacións pequenas e moi localizadas en Galicia. Cómpre sinalar, así mesmo, a abundancia de dous endemismos ibéricos: o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi), e a lagarta galega (Podarcis bocagei). Cabe mencionar tamén o galápago europeo (Emys orbicularis), citado antano no ámbito do parque natural e na actualidade probablemente desaparecido.
Malia que as poboacións avifaunísticas son, en xeral, relativamente discretas en canto a cantidades, o espazo natural destaca pola súa elevada diversidade, en consonancia coa variedade de hábitats, albergando regularmente especies infrecuentes ou de distribución moi localizada. Son particularmente destacables as poboacións nidificantes, en areais e dunas, de dúas especies de limícolas ameazadas en Galicia: o alcaraván común (Burhinus oedicnemus) que ten aquí un dos seus poucos puntos de cría e o único situado actualmente na costa (ata 5 parellas), e a píllara papuda (Charadrius alexandrinus) (arredor de 15 parellas), cuxo núcleo é o segundo en importancia na Comunidade Autónoma. Fóra da época de nidificación, estes mesmos hábitats son utilizados tamén polo alcaraván, que mantén así mesmo o continxente invernante máis numeroso de Galicia (15-30 aves), e pola píllara dourada europea (Pluvialis apricaria) que tamén ten na zona o seu principal núcleo de invernada na Comunidade Autónoma (ata uns 300 exemplares), así como por aves rapaces como a gatafornela (Circus cyaneus), o falcón paxareiro (Falco columbarius), ou a curuxa das xunqueiras (Asio flammeus). As marismas e praias albergan pequenos continxentes de limícolas invernantes, entre os que destaca a gabita euroasiática (Haematopus ostralegus) (50-100 exemplares), e o pilro tridáctilo (Calidris alba) (30-90), aínda que esta e outras especies son moito máis abundantes en migración. Ademais de acoller moderadas cantidades de anátidas (arredor de 500 exemplares, principalmente de cerceta común (Anas crecca), pato cinsento (Anas strepera), pato cullerete (Anas clypeata), e pato cristado (Aythya fuligula) e outras aves nadadoras, as lagoas, e en particular a de Vixán, dan acubillo a especies nidificantes e invernantes infrecuentes ou localizadas, como a garza pequena (Ixobrychus minutus), o pato cinsento, a tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus), e varios paseriformes, como a folosa grande(Acrocephalus arundinaceus), ou o escribente das canaveiras (Emberiza schoeniclus).
Varias especies de mamíferos teñen nos piñeirais, matogueiras e medios agrícolas da periferia e o contorno do espazo natural as súas áreas principais para campar, e algunhas intérnanse de maneira habitual na zona marítimo-terrestre. Son frecuentes o raposo (Vulpes vulpes), o teixo (Meles meles), o ourizo (Erinaceus europaeus), o esquío (Sciurus vulgaris) e o xabaril (Sus scrofa). A lontra (Lutra lutra), mantén unha presenza común e atopa nas lagoas un hábitat axeitado. Por último, nas augas próximas á costa non é raro divisar a trasfega de golfiños (Tursiops truncatus e Delphinus delphis), marsopas (Phocoena phocoena) e outros cetáceos.
Lexislación

Outros Parques Naturais
Baixa Limia - Serra do Xurés
Fragas do Eume
Monte Aloia
O Invernadeiro
Serra da Enciña da Lastra
