Data de declaración
11 de febreiro de 1993
Data de ampliación
29 de outubro de 2009
Situación
No extremo sudoccidental da provincia de Ourense, facendo fronteira con Portugal e formando parte da comarca da Baixa Limia. As localidades de referencia son Bande, A Vila (Lobeira), Muíños, Lobios e Calvos.
Concellos
Entrimo, Lobios, Muíños, Bande, Calvos de Randín, Lobeira.
A área forma unha unidade coa ZEPA PT002 (62.922 ha) e Parque Nacional Peneda-Gerês (70.290 ha), en Portugal.
Accesos
O acceso desde Ourense lévase a cabo pola estrada N-540 (Lugo-Portugal). Así mesmo, desde a estrada N-525 (Santiago-Zamora) ou a A-52 (autovía das Rías Baixas) pódese acceder pasando por Xinzo de Limia e continuando por Mugueimes, ou ben por Calvos e Maus de Salas.
Infraestruturas
Centro de Interpretación (sede do parque natural), en Lobios (tel. 988 448048 e 988 448181).
Descrición
Conxunto de serras suroccidentais da provincia de Ourense (somontes meridionais de Leboreiro, Queguas, Quinxo, Santa Eufemia, Cruz de Piñeiro, Xurés e Pisco), de natureza basicamente granítica, que forman unha unidade xeomorfolóxica e ecolóxica coas serras portuguesas limítrofes (Peneda, Soajo, Amarela e Gerês) e flanquean o val do río Limia. Ademais deste e do río Salas, no espazo natural abundan os corgos e cursos fluviais de pequena entidade, que nalgúns puntos chegan a formar belísimas fervenzas e pozas (como as da Corga da Fecha). O espazo natural abarca parcialmente dous encoros, o de Lindoso e o Salas. En conxunto, é unha área pouco poboada, con escasas aldeas e extensas áreas deshabitadas. No val de Riocaldo e na área Requiás-Guntumil encóntranse os solos máis profundos, ocupados por cultivos, pradarías e bosquetes, que contrastan coas austeras paisaxes rochosas e fortes pendentes que os rodean por todos lados. A altitude oscila entre os 125 e os 1.540 m sobre o nivel do mar, e a maior parte da zona encóntrase por encima dos 1.000 m. Trátase do primeiro parque transfronteirizo designado como EUROPARC (Gêres-Xurés) pola FNNP.
Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e constitúese nun sector biogeográfico exclusivo, o xuresiano. A área é moi orixinal por atoparse en plena transición entre as rexións eurosiberiana e mediterránea (neste caso, provincia mediterránea ibérica occidental), cuxa influencia se enxerga nos cumios e na parte oriental do espazo natural. Dominios climáticos oceánico occidental (no val do Limia) e oceánico de montaña, con precipitacións medias anuais de 1.000 a 2.500 mm (segundo a altitude) e temperaturas medias de 8 a 15 ºC. Neva con frecuencia nos cumios, e alcánzanse temperaturas especialmente baixas na parte oriental.
Orografía extremadamente abrupta e fracturada, sobre todo nas serras de Xurés e Santa Eufemia e nos montes do Quinxo, con extensos rochedos e marcadas pendentes. As serras de Queguas e Pisco mostran unha morfoloxía máis suave. A área aséntase sobre un substrato fundamentalmente granítico, formado por migmatitas nebulíticas e granodioritas biotíticas, sobre o que se superpoñen nalgunhas zonas rochas sedimentarias esquistosas metamorfizadas. O modelado glaciar e periglaciar alcanza nestas serras a menor altitude coñecida no contorno ibérico, chegando aos 550 m sobre o nivel do mar, e poden observarse excelentes exemplos, como o do val do río Vilameá (ou das Sombras), situado entre os 1.100 e os 1.300 m de altitude, no que se observan morenas laterais e de fondo (de ata 2 km de lonxitude), así como un magnífico exemplo de val glaciar que se remonta ao wurmiense. Tamén vinculadas a estas áreas glaciadas poden atoparse magníficas mostras de xeomorfología granítica, desde megaformas como as denominadas colinas cóncavas, os nubbins ou domos rochosos, as cristas rochosas e os tors, ata innumerables exemplos de microformas, como os tafone (cacholas), as gnamma (pías), as formas-chama ou as formas-pedestal (bolos ou pedras cabaleiras), quizais a mellor expresión da torturada xeomorfoloxía do parque. Por outra parte, diferentes tipos de depósitos cuaternarios, como os conos de dexección e os derrubios de ladeira, están presentes nas inmediacións do río Caldo, en Buscalque (Lobios) e na área do Quinxo, e é posible atopar depósitos areosos aluviais nas concas dos ríos Limia e Caldo. Neste río localízase unha afamada surxencia de augas termais.
O parque natural inclúe varias zonas de Reserva Integral, que abarcan áreas de valor natural moi alto, sobre todo desde o punto de vista botánico e faunístico, e nas que prevalece a conservación sobre calquera outro tipo de actividade. Estas reservas son o Barranco de Olelas, os cumios e amesetamentos superiores da sierra do Xurés, o Barranco da Cruz de Touro, no sector meridional da serra de Santa Eufemia, e o contorno da Barxa, no val do río Salas.
Hábitats de interese comunitario (incluídos no anexo I da Directiva 92/43/CEE):
Flora e vexetación
Debido ás cortas, ao antigo costume de realizar queimas para a creación de pastos para o gando e ao intenso pastoreo, estas serras sufriron xeneralizados procesos erosivos que, ao longo dos séculos, provocaron enormes perdas de solo e afloramento dun substrato pétreo descarnado. Non é de estrañar que arredor da metade da superficie cuberta por hábitats seminaturais no parque estea constituída por diferentes tipos de matogueiras e pastizais, e que as áreas boscosas sexan de extensión reducida, encontrándose actualmente en fase de recuperación. Por outra parte, as plantacións forestais, especialmente de piñeiros (Pinus insignis, Pinus pinaster e Pinus sylvestris) teñen certa entidade. As matogueiras colino-montanas están dominadas por piornos (Cytisus spp.), toxos (Ulex europaeus, Ulex minor), xestas (Genista spp.), xaras (Cistus spp.), e ericáceas (Calluna vulgaris, Daboecia cantabrica, Erica spp.), mentres que nos cumios máis altos as especies máis características son as xestas (Genista florida), os piornos (Cytisus purgans, Cytisus striatus), e as uces (Erica arborea). Na área oriental do parque, en etapas de substitución do bosque do carballo cerquiño, aparecen Erica aragonensis e Genistella tridentata. Nos claros das uceiras de Pterosparto lasianthi-Ericetum aragonensis aparece o lirio do Xurés (Iris boissieri) belísima iridácea endémica galaico-portuguesa, unha das especies máis emblemáticas do parque natural, que ten aquí a maior poboación das tres coñecidas en España e que está considerada en perigo crítico de extinción (Libro Vermello da Flora Vascular Ameazada de España, 2003).
A singular posición bioxeográfica da área, en transición entre as rexións eurosiberiana (subprovincia cántabro-atlántica) e mediterránea (subprovincia carpetano-leonesa), permite a concorrencia de especies arbóreas caducifolias, características de condicións climáticas húmidas, e de especies perennifolias, adaptadas a situacións de acusado déficit hídrico estival, que ademais ven matizada a súa distribución en función da altitude, a orientación e a exposición. No piso montano e en posicións elevadas aparecen pequenas formacións de carballo cerquiño ou negral (Quercus pyrenaica) e bidueirais (de Betula celtiberica), aos que acompañan algúns teixos (Taxus baccata), acivros (Ilex aquifolium), e cancereixos (Sorbus aucuparia). A menor altitude sitúase a carballeira supratemperada, caracterizada polo carballo común (Quercus robur) e a arandeira (Vaccinium myrtillus) que dá paso, nas abas baixas preto dos vales, á carballeira colina galaico-portuguesa, presidida tamén por Quercus robur pero integrada por un cortexo arbóreo moi variado, que inclúe entre outros o castiñeiro (Castanea sativa), o sanguiño (Frangula alnus), a abeleira (Corylus avellana), o loureiro (Laurus nobilis), o érbedo (Arbutus unedo), e a sobreira (Quercus suber), e que a miúdo se ve invadido por piñeiros de repoboación. Todos estes bosques, aínda que de dimensións reducidas, conservan un grande interese e albergan, ademais, algunhas especies realmente raras, como é o caso do azareiro (Prunus lusitanica), arbusto relito macaronésico, ameazado e circunscrito en Galicia ao Xurés e ao val do Arnoia, o de Eryngium duriaei subsp. juresianum, umbelífera considerada en perigo en España, que mantén nestas serras a mellor das súas catro poboacións, todas elas localizadas en Galicia. Outras formacións boscosas presentes no espazo natural son as galerías riparias, caracterizadas por ameneiros (Alnus glutinosa), salgueiros (Salix spp.), e freixos (Fraxinus angustifolia), os pequenos rodais de aciñeiral de Quercus ilex, restrinxidos a moi poucos puntos; e os soutos ou bosques adevesados de castiñeiros (Castanea sativa) presentes nos arredores de aldeas.
Outras comunidades vexetais de elevado valor, todas elas consideradas hábitats de interese europeo e, polo tanto, incluídas no Anexo I da Directiva Hábitats, son as pradarías anfibias de pozas e cursos fluviais, as turbeiras, as uceiras higrófilas e, en particular, os varios pastizais pioneiros vivaces propios de fisuras de rochedos e solos areosos. Nestes moran outras dúas xoias botánicas, exclusivas destas serras e das súas veciñas portuguesas, as armerias (Armeria humilis subsp. odorata e Armeria humilis subsp. Humilis) esta máis rara e localizada, ambas foron recentemente cualificadas en perigo no Libro Vermello da Flora Vascular Ameazada de España (2003). Un gran número de taxons endémicos e subendémicos, raros ou infrecuentes na Comunidade Autónoma, concorren nestes hábitats escasos, como é caso dos briófitos (Andreaea migistospora e Schistostega pennata) ou as plantas vasculares (Armeria beirana, Festuca summilusitana, Festuca elegans, Silene acutifolia, Centaurea aristata subsp. geresensis, Arabis juressi, Veronica micrantha, Echinospartium ibericum, etc).
Fauna
Entre as especies de invertebrados incluídas no Anexo II da Directiva Hábitats cóntanse a lesma (Geomalacus maculosus), a vacaloura (Lucanus cervus), e o odonato (Macromia splendens). A fauna de vertebrados, mal coñecida, parece ser moi rica e posúe algúns endemismos de grande interese, como o ropalócero (Erebia triarius subsp. Mendesi), propio das pradarías montanas. Coñécense seis especies endémicas de peixes no ámbito do parque, entre os que destacan como máis característicos o barbo (Barbus bocagei) (cuxa distribución en Galicia se restrinxe ás concas do Limia e do Támega), o cacho (Squalius carolitertii), a bermejuela ou vermella (Rutilus arcasii), a boga do Douro (Chondrostoma duriense), e o espiñento (Gasterosteus gymnurus).
Como cabería esperar dunha área de transición e con tal variedade de ambientes, o espazo natural posúe unha gran riqueza herpetolóxica, na que concorren elementos eurosiberianos e mediterráneos, algún de distribución marxinal, e endemismos ibéricos noroccidentais; coñécense polo menos 27 taxons (12 anfibios e 15 réptiles), dos cales 12 son endemismos ibéricos e tres taxons están considerados vulnerables. Por estas razóns, a área foi listada no inventario de áreas importantes para a herpetofauna española (Xurés-Laboreiro; Dirección Xeral de Conservación da Natureza, 2004). Son especialmente destacables as poboacións da píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica) endémica de Galicia e norte de Portugal, que habita nos numerosos regatos de augas rápidas en vagoadas máis ou menos sombrizas, e o catálogo de especies mediterráneas, como a lagarta rabuda (Psammodromus algirus) e a completa comunidade de ofidios, integrada por todas as especies da fauna galega, incluídas a cobra rateira (Malpolon monspessulanus), a cobra riscada (Rhinechis scalaris) e, singularmente, a víbora fociñuda (Vipera latasti) acantoada en moi poucos puntos da provincia de Ourense, habitante de matogueiras e herbais montanos en ambientes pedregosos.
A avifauna é tamén moi variada, produto da posición bioxeográfica da área e da complexidade ambiental derivada do gradiente altitudinal e a diferente orientación das cadeas montañosas. Destaca a presenza de aves rapaces, incluíndo especies moi ameazadas e de distribución moi localizada, como é o caso da aguia real (Aquila chrysaetos) que aínda que non nidifica desde décadas, utiliza habitualmente as serras como área para campar desde os seus territorios do Parque Nacional Peneda-Gerês e da que se está intentando a súa reintrodución, a aguia perdigueira (Hieraaetus fasciatus) que ten aquí a súa zona de presenza máis frecuente en Galicia, e o bufo real (Bubo bubo) cuxa pequena poboación nidificante foi reforzada mediante a solta de varios exemplares. Ademais, nidifican a aguia cobreira (Circaetus gallicus), o miñato abelleiro (Pernis apivorus), a gatafornela (Circus cyaneus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus), e o falcón peregrino (Falco peregrinus). Avifauna mediterránea e montana, ligada a rochedos e matogueiras, con moitas especies de distribución máis ou menos localizada en Galicia (nalgúns casos con poboacións moi reducidas), entre elas o pombo pequeno (Columba oenas), a andoriña dáurica (Hirundo daurica), a pica campestre (Anthus campestris), o pedreiro rubio (Oenanthe hispanica), os merlos rubio (Monticola saxatilis), e azul (Monticola solitarius), a choia (Pyrrhocorax pyrrhocorax), e o escribente hortelán (Emberiza hortulana). En contraste, o espazo natural (xuntamente co Parque Nacional Peneda-Gerês) acolle algunhas das poboacións máis sudoccidentais de especies tipicamente eurosiberianas, como a pica das árbores (Anthus trivialis), a a papuxa picafollas (Sylvia borin), o picanzo vermello (Lanius collurio), o cardeal (Pyrrhula pyrrhula), e o escribente amarelo (Emberiza citrinella). O cruzabico (Loxia curvirostra), ten aquí unha das súas poucas (quizais a única) zona de cría en Galicia. Entre a avifauna acuática, ligada aos encoros, destaca a presenza como invernante do mergullón cristado (Podiceps cristatus) con concentracións moi notables no encoro do Salas, e a cría da píllara pequena (Charadrius dubius).
Entre os mamíferos destaca a existencia de varias das especies máis emblemáticas da nosa fauna, como o desmán (Galemys pyrenaicus), a excelente comunidade de carnívoros, que inclúe todas as especies autóctonas, e na que sobresae a presenza do gato bravo (Felis sylvestris), a lontra (Lutra lutra), a marta (Martes martes), e o lobo (Canis lupus), así como os quirópteros, que contan con especies pouco coñecidas, como o morcego da fraga (Barbastella barbastellus). Citouse tamén o leirón (Glis glis) que alcanzaría nestas serras o límite sudoccidental da súa área de distribución europea. O oso pardo (Ursus arctos) sobreviviu na área ata a primeira metade do século XX. Entre os grandes herbívoros destacan o corzo (Capreolus capreolus), e o xabaril (Sus scrofa), así como a raza galaico-portuguesa do cabalo (Equus cavallus) que habita en semiliberdade as partes altas das serras e sobre o que se está a levar a cabo un programa de recuperación. Así mesmo, en 1997 iniciose a reintrodución, con éxito, da cabra montesa (Capra pyrenaica), esta especie, da que hai constancia histórica da súa presenza ata 1892 na área, constituía un endemismo local (Capra pyrenaica subsp. lusitanica).

Outros Parques Naturais
Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán
Fragas do Eume
Monte Aloia
O Invernadeiro
Serra da Enciña da Lastra
