Os arquipélagos de Sálvora, Ons e Cíes, localizados na parte externa da bocana das rías, están sometidos a unha forte influencia oceánica, mentres que o de Cortegada constitúe un sistema insular estuárico, protexido da influencia do mar aberto. Este último arquipélago é, por outra parte, o máis próximo a terra firme (0,2 km) e está integrado pola illa de Cortegada (41 ha) e os illotes Malveira Grande, Malveira Chica, Briñas e O Con; alcanza unha altura máxima de 22 m sobre o nivel do mar. O arquipélago de Sálvora sitúase a uns 4 km da costa e a uns 10 km ao norte de Ons e consta da illa de Sálvora (190 ha) e as moito máis pequenas de Sagres, Vionta, Ervosa e Noro, ademais dun gran número de pequenos illotes e baixíos rochosos; a súa altura máxima é de 71 m na illa maior. As illas de Ons (367,5 ha, con altura máxima de 128 m) e Onza, ademais dos illotes Centolo e Freitosa, tamén distan 4 km de terra firme, localizándose a uns 12 km ao norte de Cíes. Este último arquipélago, a 2,7 km de terra firme, está formado polas illas de Monte Agudo (179,5 ha), Faro (106,6 ha) e San Martiño (145,5 km), así como de varios pequenos illotes (Penela dos Viños, Ruzo, Garabelos e Agoeiro), sendo o que alcanza unha maior altura (197 m sobre o nivel do mar a illa de Monte Agudo). A área de augas mariñas de Sálvora, Ons e Cíes está delimitada pola isóbata de 10 m.
Toda a área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. O dominio climático é o oceánico húmido con tendencia á aridez estival. Os arquipélagos oceánicos mostran unha notoria escaseza de precipitacións ao comparalos coas zonas continentais próximas, rexistrando medias anuais de 800-900 mm, e acusan unha importante seca estival. As temperaturas medias sitúanse arredor dos 14 ºC, cunha amplitude térmica de 10 a 19 ºC. En contraste, o arquipélago de Cortegada atópase na área de transición entre o dominio climático anterior e o oceánico híper-húmido e, por outra parte, a súa localización no fondo da ría e a súa proximidade ao continente achegan as súas características meteorolóxicas ás de terra firme, o que redunda nunha pluviosidade moito máis elevada (1.900-2.000 mm). Nesta zona as temperaturas medias son lixeiramente superiores (arredor dos 15 ºC) e a amplitude térmica máis reducida (12-17 ºC), pero tamén se acusa unha clara seca estival.

Información detallada
Audioguías para acompañar ao visitante do parque
Solicitude de permisos de fondeos e mergullos
Mapa topográfico (567 Kb)
