Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> Paisaxe Protexida >> Val río Navea
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Val do río Navea

O Val do río Navea exténdese polos municipios de San Xoán de Río e A Pobra de Trives, na provincia de Ourense, erixíndose nun corredor fluvial que serve de conexión entre o Macizo central ourensán e o sistema fluvial Miño-Sil.

O río Navea presenta unha cunca de 260 km2 e os seus nacentes sitúanse nos Altos do Gancedo, a 1260 metros de altura, na Serra de San Mamede, concello de Laza, discurrindo posteriormente por terras do concello de Chandrexa de Queixa. A cunca alta do Navea intégrase dentro do Lugar de Importancia Comunitaria e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais do Macizo Central. Neste mesmo espazo atopase o curso natural do Navea que parte do encoro de Chandrexa ata augas arriba do encoro das Guístolas, e dous dos seus tributarios. A cunca baixa do río Navea configúrase nun amplo val, de profundas pendentes, ao longo do concello de Chandrexa de Queixa, para despois formar o límite entre este e A Pobra de Trives. Posteriormente o curso do Navea establecerá o límite entre A Pobra de Trives e o concello San Xoán de Río, para finalmente discorrer no seu último treito integramente por A Pobra de Trives. O treito final do Navea ven caracterizado pola unión co río Bibei, pouco antes de que este renda ás augas no Sil, preto da localidade de A Ponte Nova.

A paisaxe do tramo baixo é característica dun val fluvial que discorre fortemente encaixado entre grandes unidades montañosas, conformadas por lousas, xistos e cuarcitas. Ao longo dos séculos a acción erosiva das augas e a crueza dos episodios fríos acaecidos ao longo do Cuaternario, modelaron e configuraron este val, condicionando igualmente a súa vexetación, a súa fauna e a súa flora.

As abruptas ladeiras aparecen cubertas na actualidade por herbazais, matogueiras e amplas áreas dominadas por bosques autóctonos, que se corresponden con diversos tipos de hábitats de interese comunitario de acordo co esquema establecido na Rede Natura 2000.

A altitude e a pendente determinan que os bosques naturais do Navea conformen un ecosistema singular, persistindo grandes superficies ocupadas por bosques antigos, "a fraga", na que predominan os rebolos (Quercus pyrenaica), carballos (Quercus robur) e castiñeiros (Castanea sativa), albergando unha grande diversidade de especies nemorais, bidueiros (Betula alba), abeleiras (Corylus abellanea), ameneiros (Alnus glutinosa), pradairos (Acer pseudoplatanus), salgueiros (Salix spp.), cereixeira brava (Prunus avium). Tamén existe unha importante superficie ocupada por soutos, bosques seminaturais de castiñeiros (Castanea sativa).

Información detallada

Mapa (527 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS