Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> Monumento Natural >> Souto de Rozabales
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Souto de Rozabales

Este monumento natural, emprazado sobre unha área de granitos calcoalcalinos deformados, constitúe unha mostra exemplar do tipo de bosques adevesados de castiñeiros, enxertados, de orixe artificial e explotados secularmente polos campesiños galegos para a obtención de castañas e madeira (soutos), e na actualidade case restrinxidos ás provincias orientais. Os soutos, un dos elementos fundamentais do noso patrimonio cultural e natural, representan un ecosistema agrosilvopastoral en equilibrio e posúen unha gran biodiversidade, incluíndo a presenza de elementos faunísticos pouco comúns na nosa Comunidade Autónoma.

Neste souto encóntranse exemplares de castiñeiro (Castanea sativa) de gran lonxevidade (algún de máis de mil anos) e extraordinaria beleza, auténticos monumentos vexetais. Como exemplar sobresaínte debe citarse pola súa singularidade o coñecido como "Castiñeiro de Pumbariños", cuxo perímetro alcanza os 12,15 m.

A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Atópase no dominio climático oceánico de montaña, cunha precipitación media anual de 1.004 mm e unha temperatura media de 11,1 ºC. Sitúase a unha altitude aproximada de 680 m sobre o nivel do mar.

 

Información detallada

Mapa topográfico (351 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS