Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> Monumento Natural >> Souto da Retorta
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Souto da Retorta

O eucaliptal de Chavín, tamén coñecido como O Souto da Retorta, é un predio situado na proximidade do río Landro, pertencente á parroquia de Chavín (a uns 6 km de Viveiro), no que se sitúa un rodal de eucaliptos (Eucalyptus globulus) de gran singularidade pola lonxevidade e extraordinarias dimensións das súas árbores. Aséntase sobre rochas graníticas hercínicas do tipo granito parautóctono.

A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano. Atópase no dominio climático oceánico húmido, cunha precipitación media anual de 1.412 mm e unha temperatura media de 13 ºC. Sitúase a unha altitude aproximada de 30 m sobre o nivel do mar.

Os eucaliptos de Chavín superan en varios exemplares os cen anos e constitúen auténticos monumentos vexetais; chegan a acadar probablemente as maiores dimensións desta especie en Europa. Un exemplar en particular ("O avó") alcanza unha altura de 61,8 m e un perímetro de 7,6 m. O estrato arbóreo inferior do rodal de eucaliptos está constituído por un bosque caducifolio climácico (carballeira acidófila colina galaica-asturiana).

Información detallada

Mapa topográfico (455 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS