Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> Monumento Natural >> Praia das Catedrais
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

A praia das Catedrais

Fronte costeira, orientada en dirección leste-oeste ao longo da rasa cantábrica, con pequenos acantilados mariños e praias de area intercaladas entre pequenos promontorios e illotes, de grande interese xeomorfolóxico e paisaxístico. Inclúe unha pequena superficie de augas mariñas (20 ha).

 A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano. Dominio climático oceánico húmido, cunha precipitación media anual de 1.019 mm, temperatura media de 13,9 ºC e ausencia de xeadas.

 A rasa cantábrica, plataforma de abrasión mariña emerxida durante o Terciario, que se estende na súa maior parte por Asturias, encóntrase aquí preto do seu límite occidental, formando un chanzo claramente perceptible ao longo da fachada acantilada deste monumento natural, de 2,2 km de fronte e entre 10 e 20 m de altura. A intensa erosión exercida polo mar sobre estes pequenos pero verticais cantís, formados principalmente por xistos e lousas, en conxunción co alto grao de facturación dos materiais, favorece a formación dun extenso sistema de furnas (covas mariñas), fumarolas, arcos e illotes. Estas formacións son produto do derrubamento das bóvedas de antigas grutas mariñas, en puntos de fractura dos acantilados. Durante as baixamares, a maior parte das calas entre cantís descobre e mostra fondos intermareais areosos finos, que conforman as praias de Augasantas, As Catedrais, Carricelas, Esteiro, Cadramón e Seborello.

Malia que unha gran parte do espazo natural se limita á área do dominio público marítimo-terrestre, tamén inclúe na súa porción occidental unha extensión de uceira-toxeira aerohalina, no que destaca a presenza da uz (Erica vagans), e do toxo (Ulex europaeus subsp. auropaeus f. maritimus), que caracterizan estas matogueiras costeiras da rasa cantábrica, consideradas hábitat prioritario pola Directiva Hábitats. A vexetación halocasmofítica, propia dos acantilados e da que hai unha importante mostra na zona, está tamén integrada por asociacións endémicas da rasa cantábrica, nas que entra Armeria pubigera subsp. depilata, subespecie cantábrica da ''herba de namorar''.

Información detallada

Mapa topográfico (321 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS