Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> Monumento Natural >> Fraga de Catasós
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Fraga de Catasós

Tamén denominada Carballeira ou Souto de Quiroga, trátase dunha pequena área de bosque caducifolio autóctono, aínda que de gran singularidade e beleza. Pertence á parroquia de Catasós (lugar de Quintela) e encóntrase nas inmediacións da estrada N-525, a uns 4 km de Lalín en dirección a Ourense. Aséntase sobre micacitas metamórficas prehercínicas básicas, que dan lugar a solos pardos ácidos, de alta produtividade forestal.

A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Encóntrase nunha zona de transición entre o dominio climático oceánico de montaña e oceánico húmido con tendencia á aridez estival, cunha precipitación media anual de 1.290 mm, unha temperatura media de 12,7 ºC e unha media de 293 días libres de xeadas. Sitúase a unha altitude aproximada de 550 m sobre o nivel do mar.

Malia que de reducidas dimensións, constitúe un interesante bosque mixto de carballos (Quercus robur), e castiñeiros (Castanea sativa). Os exemplares desta última especie cóntanse entre os de maior porte e mellor factura de Europa, e alcanzan alturas de ata 30 m e máis de 5 m de perímetro na base, o que lle confire a este núcleo da especie un alto interese científico.

Outros valores naturais destacables desta mancha forestal son a presenza do narciso (Narcissus cyclamineus), endémico de Galicia e norte de Portugal, e da vacaloura (Lucanus cervus), ambas as especies están recollidas no anexo II da Directiva Hábitats e considéranse vulnerables en Galicia.

Información detallada

Mapa topográfico (245 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS