Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> Monumento Natural >> Costa de Dexo
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Costa de Dexo

Fronte costeira aberta entre as rías da Coruña e de Ares e Betanzos, cunha importante extensión de acantilados mariños, illotes e vexetación de herbais e matogueiras costeiras en bo estado de conservación, de grande interese pola súa xeomorfoloxía e alto valor paisaxístico. A relevancia e singularidade deste espazo natural vese potenciada por atoparse enclavado nunha das zonas máis densamente poboadas e transformadas de Galicia (área metropolitana da cidade da Coruña).

Esténdese pola franxa litoral entre o cabo de Mera e o porto de Lorbé (aproximadamente 11 km de costa), cun rango altitudinal que vai dos 0 aos 38 m sobre o nivel do mar. Desde o punto de vista xeolóxico, a zona encádrase totalmente na unidade de esquistos cristalinos de Bergondo, rochas metamórficas moi sensibles á meteorización física, o que se reflicte na paisaxe de acantilados fortemente erosionados e con perfil costeiro serrado, con numerosas caliñas e enseadas, algunhas terminadas en pequenas praias encaixadas (Fontenla, Canabal, Porto de Dexo, A Garroteira, entre as maiores), furnas (covas mariñas) e algúns illotes (Insua do Seixo, O Marolete, A Marola, Serrón da Torrella), de altura en xeral media ou baixa e sen apenas afloramentos rochosos por encima dos cantís. Como excepción, na punta do Seixo Branco chama a atención unha veta de pórfido granítico, que lle dá nome a este lugar.

A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico húmido, cunha precipitación media anual de 1.012 mm, temperatura media de 13,9 ºC e ausencia de xeadas.

Información detallada

Mapa topográfico (991 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS