A Carballa da Rocha localízase entre os núcleos de poboación denominados Saínza de Arriba e Saínza de Abaixo, situados no termo municipal de Rairiz de Veiga, dentro da comarca da Limia, na provincia de Ourense. Está constituído por seis parcelas de propiedade privada, as cales suman un total de 0,63 ha. Forma parte da conca do río Limia, que está próxima ao LIC Veiga de Ponteliñares e que antigamente estaba ocupada pola desecada Lagoa de Antela.
Desde o punto de vista corolóxico, a área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, adscribíndose ao sector xuresiano. Sitúase no dominio climático temperado oceánico continental, cunha precipitación media anual de 867 mm e unha temperatura media de 10,6 ºC. Atópase a unha altitude aproximada de 625 m s.n.m.
A paisaxe é froito da actividade agrogandeira tradicional, onde se intercalan pequenas masas forestais, formacións de vexetación herbácea e arbustiva e zonas húmidas que xeran no seu conxunto un ecosistema de importante diversidade biolóxica.
O nome de Carballa da Rocha fai referencia a un exemplar de carballo (Quercus robur) de notoria singularidade e beleza, o cal será obxecto dunha protección especial polo seu interese científico, histórico-cultural e paisaxístico. A árbore presenta un porte impresionante, cun perímetro a unha altura estándar de 1,30 m de 6,90 m, bifurcándose aos 7 m de altura en dous eixes de grandes dimensións ata alcanzar a extraordinaria altura de 33 m. O seu estado de saúde é excelente, non presenta feridas nin partes deterioradas, nin tampouco síntomas de pragas ou a presenza de ataques fúnxicos foliares.
Cabe destacar a importancia social e histórico-cultural da Carballa da Rocha pola súa proximidade á capela da Virxe da Mercé, lugar de celebración de importantes romarías, e por ser protagonista de numerosas lendas e contos populares na zona.
