Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> Humedal Protexido >> Complexo intermareal
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira

A ZEPA, situada a cabalo das rías de Arousa e de Pontevedra, está constituída por tres sectores netamente diferenciados. O sector máis extenso é a enseada do Grove e o estuario do río Umia, conformado por unha baía moi protexida, pouco profunda e con amplas superficies intermareais, e separado de mar aberto por un tómbolo formado por areais e dunas. O segundo sector constitúe un pequeno sistema dunar con lagoa litoral, situados ao norte da península do Grove (praia de Mexiloeira e lagoa da Bodeira). O terceiro sector, situado ao sur da Illa de Arousa e os seus arredores (O Carreirón, illotes Guidoiros e illa de Rúa), está integrado por varios illotes rochosos e areosos e seccións de costa baixa ben conservada no interior da r

Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival, cunha precipitación media anual de 1.244 mm, temperatura media de 14,6 ºC e ausencia total de xeadas. O rango altitudinal é de 0-15 m sobre o nivel do mar.

As praias, os sistemas dunares e as zonas húmidas de trasduna están moi ben representados nos diferentes sectores. Destaca pola súa extensión a praia da Lanzada e areais anexos (3,5 km), así como o sistema dunar asociado. Estas dunas están inzadas de charcas e poceiras temporais e semipermanentes, en boa parte poboadas por vexetación helofítica. Na parte sur do istmo hai tamén xunqueiras salinas e unha extensa zona húmida ocupada por espadaneiras e ameneirais pantanosos (Rego dos Mouros, Noalla). Outras zonas húmidas de auga doce son a lagoa da Bodeira e as pozas do Carreirón (Illa de Arousa), ademais do complexo de lagoas e pozas naturalizadas de Rouxique, no contorno da enseada do Bao, produto de antigas extraccións de arxila. As chairas intermareais lamacentas e os bancos de area predominan na enseada Umia-O Grove propiamente dita (arredor de 1.200 ha), e están colonizadas extensivamente por pradarías de Zostera marina e Zostera noltii, con áreas máis reducidas de salgal, espartal e xunqueira halófila, sobre todo na desembocadura do Umia. En conxunto hai un bo número de illotes de natureza rochosa ou sedimentaria (Illariña, Tourís, Marma, Beiró, A Toxa Pequena, Illeiras, Guidoiro Areoso, Guidoiro Pedregoso, Rúa, etc.). O espazo natural vese completado coa existencia dalgúns piñeirais, matogueiras costeiras e labradíos.

 

 

Información detallada

Mapa topográfico (3,97 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS