Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Outros espazos protexidos >> Espazos privados de interese natural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Espazos privados de interese natural

Sobreiras do Faro - Oia

O espazo natural Sobreiral do Faro é un pequeno tramo de vaguada percorrido polo río de Broi ou de Vilardesuso, nas ladeiras do cal (450-200 m.s.n.m.) aparecen asentadas unhas manchas de sobreiral (Quercus suber) que en conxunto ocupan unha superficie de 2,76 ha. En ocasións a sobreira mestúrase con outras frondosas autóctonas, orixinando formacións de transición, cuxa extensión alcanza as 4,40 ha. A área do espazo natural sitúase entre os 200 e 300 m.s.n.m.

Os datos climáticos están extraídos da estación meteorolóxica Castro Vicaludo (450 m.s.n.m.), situada en Santa María de Oia. En liñas xerais, o clima da zona é suave, cunha temperatura media anual de 12,7 ºC; as temperaturas máximas acádanse no mes de xullo, cunha media das máximas de 21,8 ºC, mentres que as mínimas se alcanzan en decembro e xaneiro (6,2 e 5,4 ºC respectivamente de valor medio). Ademais, a zona conta cun elevado índice de precipitacións (1.858 mm), aínda que estas non se reparten de maneira homoxénea ao longo do ano, existindo un déficit hídrico durante a época estival (xuño-agosto). Segundo a clasificación de Allué, atopámonos na subrrexión fitoclimática atlántico-europea (V (VI)), mentres que segundo a clasificación de Papadakis estariamos baixo o dominio climático marítimo tépedo.

Data de declaración

18 de febreiro de 2008.

Situación

O Espazo Privado de Interese Natural Sobreiral do Faro localízase na parroquia de Viladesuso, que pertence ao concello de Oia (Pontevedra), ao sudoeste da provincia de Pontevedra. A propiedade xurídica dos montes Pousiño e Faro, onde se atopa a área obxecto de protección, é propiedade da Mancomunidade de Montes Veciñais da parroquia de Viladesuso desde o ano 1983.

Concellos

Oia.

Situación

9.72 ha.

Outras figuras de protección

Ningunha.

Accesos

Pola estrada comarcal 552 dirixirémonos cara a Mougás, pasando o núcleo urbano, e aproximadamente 1 km despois cóllese un sendeiro que hai á dereita. Continuaremos por este camiño ata chegar ao río (1 km aprox.), seguindo pola súa marxe ata encontrarnos coas primeiras sobreiras.

Descrición

O espazo natural Sobreiral do Faro é un pequeno tramo de vaguada percorrido polo río de Broi ou de Vilardesuso, nas ladeiras do cal (450-200 m.s.n.m.) aparecen asentadas unhas manchas de sobreiral (Quercus suber) que en conxunto ocupan unha superficie de 2,76 ha. En ocasións a sobreira mestúrase con outras frondosas autóctonas, orixinando formacións de transición, cuxa extensión alcanza as 4,40 ha. A área do espazo natural sitúase entre os 200 e 300 m.s.n.m.

Os datos climáticos están extraídos da estación meteorolóxica Castro Vicaludo (450 m.s.n.m.), situada en Santa María de Oia. En liñas xerais, o clima da zona é suave, cunha temperatura media anual de 12,7 ºC; as temperaturas máximas acádanse no mes de xullo, cunha media das máximas de 21,8 ºC, mentres que as mínimas se alcanzan en decembro e xaneiro (6,2 e 5,4 ºC respectivamente de valor medio). Ademais, a zona conta cun elevado índice de precipitacións (1.858 mm), aínda que estas non se reparten de maneira homoxénea ao longo do ano, existindo un déficit hídrico durante a época estival (xuño-agosto). Segundo a clasificación de Allué, atopámonos na subrrexión fitoclimática atlántico-europea (V (VI)), mentres que segundo a clasificación de Papadakis estariamos baixo o dominio climático marítimo tépedo.

Hábitat

Hábitats de interese comunitario (incluídos no anexo I da Directiva 92/43/CEE):

  • Breixeiras secas europeas.
  • Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica.
  • Sobreirais de Quercus suber.

Flora e vexetación

Coroloxicamente, o espazo natural pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, adscribíndose ao subsector miñense, así mesmo incluído no sector galaico-portugués. Desde o punto de vista bioclimático, o espazo natural encóntrase no dominio tépedo oceánico submediterráneo e correspóndese co piso bioclimático termotépedo (0-400 m.s.n.m).

A vexetación arbórea da zona consiste, por unha parte, nun sobreiral onde Quercus suber constitúe a especie dominante, mentres que en determinadas zonas a sobreira deixa paso paulatinamente a formacións máis laxas onde dominan o carballo pedunculado (Quercus robur) e o castiñeiro (Castanea sativa) e que se adscribirían á serie acidófila galaico-portuguesa do carballo Rusco aculeati-Quercetum roboris, con presenza de especies termófilas no sotobosque como o loureiro (Laurus nobilis) e a xilbarbeira (Ruscus aculeatus). Tanto o sobreiral como o bosque mixto poderían enclavarse dentro da facies termófila quercetosum suberis desa asociación.

En canto ás formacións de sobreiral propiamente ditas, nestas preséntanse predominantemente exemplares de Q. suber que superan os 70 anos de idade. O cortexo florístico do sotobosque é escaso e de carácter aberto, onde predominan, no estrato arbustivo, especies como Frangula alnus, Lonicera periclymenum e Adenocarpus complicatus subsp. lainzii, e no herbáceo, Pteridium aquilinum, Asphodelus albus, Rumex acetosella ou Agrostis curtisii.

A medida que nos achegamos ao río, diminúe a presenza de sobreira e aumenta o carballo Q. robur, ademais de especies como Salix atrocinerea, Laurus nobilis e Castanea sativa. No estrato arbustivo, de maior entidade que no caso descrito anteriormente, destacan especies como Pyrus cordata, Frangula alnus, Rubus spp. Ruscus aculeatus e Hedera helix, entre outras. No herbáceo, atopámonos cos pteridófitos Dryopterix filis-mas e Athyrium filis-femina, xunto a outras especies como Asphodelus albus, Taraxacum officinalis, Stellaria holostea, Teucrium scorodonia e Crocus serotinus.

Por último estarían as formacións de breixeira-toxeira e xesteiras de substitución dos bosques propios destes solos pertencentes a Calluno-Ulicetea e a Cytisetea scopario-striati, que incorporan asociacións como a Ulici europaei-Ericetum cinereae e a Cytisetum striati. Especies que poden encontrarse nestes ambientes son, entre outras, C. striatus, Ulex europaeus, U. minor, Erica umbellata, E. cinerea, Halimium lasianthum, Cistus psilosepalus e Agrostis curtisii.

Fauna

Dentro dos invertebrados, destacan a vacaloura (Lucanus cervus) e o cerambícido Cerambyx cerdo, que constitúen dúas especies de especial interese, ambas incluídas no anexo II de a DC 92/43.

En canto aos vertebrados, a comunidade de herpetos do espazo natural está integrada por especies como o endemismo noroccidental píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), o sapiño pintoxo (Discoglossus galganoi), o sapo común (Bufo bufo), o lagarto ocelado (Lacerta lepida), as lagartas galega (Podarcis bocagei) e ibérica (P. hispanica) e as cobras lagarteira meridional (Coronella girondica), riscada (Elaphe scalaris) e de colar (Natrix natrix).

Algún dos mamíferos presentes na zona son o xabaril (Sus scrofa), o raposo (Vulpes vulpes), o ourizo (Erinaceus europaeus), o coello (Oryctolagus cuniculus), o esquío (Sciurus vulgaris), o rato de campo (Apodemus sylvaticus) e o furaño común (Croccidura russula).

En canto á comunidade ornítica do espazo natural, está integrada por, entre outras, especies como: carriza (Troglodytes troglodytes), avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus), chasco común (Saxicola torquata), laverca (Alauda arvensis), azulenta (Prunella modularis), cuco (Cuculus canorus), rula común (Streptopelia turtur), gabeador común (Certhia brachydactyla), ferreiriño negro (Parus ater), papuxa do mato (Sylvia undata), merlo (Turdus merula), paporrubio (Erithacus rubecula), liñaceiro (Carduelis cannabina), moucho (Athene noctua), avelaiona (Strix aluco), miñato (Buteo buteo), peto verde (Picus viridis) e corvo pequeno (Corvus corone).


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS