Data de declaración:
5 de febreiro de 2009
VOUTUREIRA - SAN CIBRAO DAS VIÑAS
O espazo natural "Voutureira" trátase basicamente dunha zona de monte baixo en réxime de propiedade privada e estruturado en parcelas moi fragmentadas e de pequenas dimensións, aínda que parte do terreo (unhas 25 ha) forma parte da mancomunidade da parroquia de Soutopenedo. Encóntrase a unha altitude de entre 225 e 375 m.s.n.m, polo que se enclava dentro do piso bioclimático termotépedo.
O interese natural deste espazo consiste na existencia dunha elevada diversidade vexetal, onde coexisten elementos propios da rexión mediterránea e elementos eurosiberianos, xa que a zona está a cabalo entre ambas as rexións bioxeográficas. Ademais, o interese radica na súa variada fauna, na xeomorfoloxía e mais na paisaxe e no seu patrimonio arqueolóxico. Todo isto configura un conxunto paisaxístico e natural merecedor dunha protección especial por parte da Consellería de Medio Ambiente, polo que provisionalmente foi declarado Espazo Natural de Interese Local (ENIL).
Data de declaración
14 de xaneiro de 2008.
Circulando pola A-52 (autovía das Rías Baixas) en dirección a Ourense, coller a saída 224 cara á estrada OU-540 e continuar ata Bentraces, desde onde podemos acceder ao espazo natural. Outra posibilidade é ir pola estrada N-525 dirección Ourense, cruzar o Miño e dirixirse cara a San Cibrao das Viñas. Desde aquí, e pola estrada OU-CP-1, podemos dirixirnos cara aos lugares de Outeiro Calvo, Vilanova, Soutopenedo, Laxe ou Os Facheiros. Desde estes lugares podemos acceder ao espazo natural camiñando por pistas forestais.
O espazo natural "Voutureira" trátase basicamente dunha zona de monte baixo en réxime de propiedade privada e estruturado en parcelas moi fragmentadas e de pequenas dimensións, aínda que parte do terreo (unhas 25 ha) forma parte da mancomunidade da parroquia de Soutopenedo. Encóntrase a unha altitude de entre 225 e 375 m.s.n.m, polo que se enclava dentro do piso bioclimático termotépedo.
O interese natural deste espazo consiste na existencia dunha elevada diversidade vexetal, onde coexisten elementos propios da rexión mediterránea e elementos eurosiberianos, xa que a zona está a cabalo entre ambas as rexións bioxeográficas. Ademais, o interese radica na súa variada fauna, na xeomorfoloxía e mais na paisaxe e no seu patrimonio arqueolóxico. Todo isto configura un conxunto paisaxístico e natural merecedor dunha protección especial por parte da Consellería de Medio Ambiente, polo que provisionalmente foi declarado Espazo Natural de Interese Local (ENIL).
Pasamos a enumerar a continuación as pricipais unidades ambientais que se poden atopar no espazo natural:
Os valores medios de precipitación e temperatura obtidos a partir da estación meteorolóxica de Ourense (139 m.s.n.m.), situada cerca do espazo natural, son de 822,3 l/m2/ano e 13,88 ºC respectivamente. Este réxime pluviométrico correspóndese cun ombroclima de tipo subhúmido. O diagrama ombrotérmico que se obtén enfrontando a precipitación mensual (P) co dobre da temperatura mensual (2T) mostra un período de seca estival superior a dous meses (xuño-agosto), o cal indica unha evidente mediterraneidade. Este déficit hídrico constitúe un factor limitante para a fisioloxía de moitas especies vexetais, permitindo por outro lado a entrada de especies tolerantes a este período de agostamento, propias dun clima tipicamente mediterráneo (por exemplo Quercus suber, Arbutus unedo, entre outras).
Polo tanto, os trazos bioclimáticos máis destacables son, por un lado, o acentuado período de seca estival e, por outro, o baixo réxime pluviométrico. En conclusión, unha das zonas de maior carácter mediterráneo de Galicia.
Hábitats de interese comunitario (incluídos no anexo I da Directiva 92/43/CEE):
Coroloxicamente o espazo natural sitúase na rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, adscribíndose ao sector galaico-portugués e, dentro deste, ao subsector miñense. Desde o punto de vista bioclimático, encóntrase integrado no dominio tépedo oceánico submediterráneo. Este carácter oceánico, unido á mediterraneidade da zona, maniféstase, entre outras cousas, pola presenza de numerosos elementos termófilos, como por exemplo o loureiro (Laurus nobilis), a sobreira (Quercus suber) ou o érbedo (Arbutus unedo).
Boa parte do espazo natural aparece ocupada por unha carballeira-sobreiral acidófila pertencente á Rusco aculeati-Quercetum roboris subass. quercetosum suberis. Esta asociación, de natureza termófila e restrinxida ao sector galaico-portugués, ten o seu lugar óptimo no piso termocolino (< 400 m.s.n.m) e alí onde exista unha acentuada mediterraneidade. En zonas baixas como esta entran na comunidade especies como o bidueiro (Betula celtiberica).
Especies características desta asociación (Rusco aculeati-Quercetum roboris) e que se atopan representadas no espazo natural son, por exemplo, Quercus robur, Ruscus aculeatus, Lonicera periclymenum, Teucrium scorodonia, Holcus mollis, Hedera helix, Castanea sativa, Tamus communis, Laurus nobilis, Hypericum pulchrum, Physospermum cornubiense, Ilex aquifolium, Fraxinus angustifolia, Linaria triornithophora e Pyrus cordata, entre outras. Diferenciais da subasociación quercetosum suberis son Arbutus unedo, Quercus suber, Rubia peregrina, Osyris alba e Daphne gnidium.
Por outra parte, nas marxes do río Barbadás e do regato de Soutopenedo desenvólvese un bosque ripario galaico-portugués da Senecio bayonensis-Alnetum glutinosae, habitual do sur e poñente de Galicia. Nel, denuncian a influencia mediterránea a presenza da freixa (Fraxinus angustifolia) e do bidueiro (Betula celtiberica), aparecendo tamén o carballo (Quercus robur), o que en moitas ocasións constitúe un tipo de carballeira edafohigrófila. Frecuentes son tamén outras especies freatófilas como o sanguiño (Frangula alnus), a abeleira (Corylus avellana) ou o salgueiro negro (Salix atrocinerea), aparecendo tamén algúns exemplares de sabugueiro (Sambucus nigra). No estrato herbáceo, de cobertura elevada, abundan os xeófitos e fentos, así como hemicriptófitos e megaforbios. Así, poden citarse herbáceas nemorais como Ajuga reptans, Filipendula ulmaria, Stellaria holostea, S. graminea, Veronica chamaedrys, Euphorbia dulcis, Crepis lapsanoides, Geum urbanum, Allium scorzonerifolium, o endemismo ibérico-occidental Galium broterianum, Viola riviviana ou o pteridófito Dryopterix filis-mas. Tamén están presentes os graminoides Anthoxantum odoratum e Dactylis glomerata, así como Pseudarrhenaterum longifolium nas zonas máis aclaradas ou de bordo.
Asociados a estas formacións de bosque aparecen arbustos seriais da clase Rhamno-Prunetea, onde destacan, entre outras especies, Frangula alnus, Rubus spp., Rosa spp. e Crataegus monogyna.
Ademais destas formacións de bosque natural, existen na zona pequenas formacións dispersas de Eucalyptus globulus e Pinus pinaster, en moitos casos mesturadas con carballos (Quercus robur) e castiñeiros (Castanea sativa).
Por último, estarían as formacións de breixeira-toxeira e xesteiras pertencentes á Calluno-Ulicetea e de Cytisetea scopario-striati, que incorpora asociacións como a Ulici europaei-Ericetum cinereae, Ulici minoris-Ericetum umbellatea e Cytisetum striati. Outras formacións de matogueira submediterránea que aparecen na zona son Lavandulo sampaioanae-Cytisetum muItoflori e Pterosparto tridentati-Ericetum aragonensis. Especies representativas que poden atoparse nestes ambientes son, entre outras, Cytisus multiflorus, C. striatus, Adenocarpus complicatus subsp. lainzii, Ulex europaeus, U. minor, Pterospartum tridentatum, Erica aragonensis, E. arborea, E. umbellata, E. cinerea, Calluna vulgaris, Lavandula stoechas subsp. sampaina, Halimium lasianthum, Xolantha guttata, Helianthemum nummularium, Cistus psilosepalus, Osyris alba, Pseudarrhenatherum longifolium, Agrostis curtisii, A. trunculata subsp. comista, Lithodora postrata e Pteridium aquilinum.
En resumo, as formacións arbóreas presentes en toda a zona correspóndense na súa maioría cunha carballeira-sobreiral. Estas formacións constitúen hábitats de interese comunitario (Directiva 92/43/CEE), baixo a denominación de "Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Q. pyrenaica" (código 9230).
Ademais destas formacións boscosas naturais, tamén aparecen pequenas masas de repoboación integradas por piñeiros e eucaliptos.
En canto ás formacións de matogueira, estas poden dividirse en breixeiras da clase Calluno-Ulicetea, con Erica arborea, E. umbellata, E. cinerea, E. australis subsp. aragonensis, Pterospartum tridentatum, Ulex europaeus e U. minor como especies características, e xesteiras da clase Cytisetea, conformadas por especies como Cytisus striatus, C. scoparius e C. multiflorus.
Sen dúbida, un dos elementos faunísticos de maior relevancia dentro do espazo natural é a lagarta cincenta (Psammodromus hispanicus). Trátase dun herpeto moi raro e localizado en nosa comunidade, que só habita, de maneira puntual, en determinados enclaves de forte influencia climática mediterránea. En Galicia foi confirmada a súa presenza en lugares como San Cibrao das Viñas, o val de Verín ou a comarca de Valdeorras. Outros herpetos de interese presentes na zona son a cobra rateira (Malpolon monspessulanus) e a cobra riscada (Elaphe scalaris), ambas as especies distribuídas en Galicia sobre todo en áreas térmicas. Destaca a presenza na matogueira do endémico lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi) e da ra patilonga (Rana iberica) en zonas frescas.
Entre as numerosas especies de aves destacan a avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus), o picanzo vermello (Lanius collurio) e a papuxa do mato (Sylvia undata), todas elas incluídas no anexo I da Directiva Aves (79/409/CEE). Ademais, aparecen outras especies como a lavandeira real (Motacilla cinerea), o picafollas (Phylloscopus ibericus, P. collybita), a carriza (Troglodytes troglodytes), o tordo común (Turdus philomelos), diversos frinxílidos (Carduelis chloris, C. carduelis, C. cannabina, Fringilla coelebs, Serinus serinus, Pyrrhula pyrrhula), especies de zonas abertas como a azulenta (Prunella modularis) e o chasco (Saxicola torquata), o cuco (Cuculus canorus), a rula común (Streptopelia turtur), a escribenta común (Emberiza cirlus), etc. Entre as rapaces, cómpre citar a presenza do gabián (Accipiter nisus), o azor (A. gentilis), o miñato (Buteo buteo), o falcón pequeno (Falco subbuteo), o lagarteiro (F. tinnunculus), a avelaiona (Strix aluco), a curuxa (Tyto alba) e o moucho de orellas (Otus scops).
Entre os mamíferos están a xeneta (Genetta genetta), a donicela (Mustela nivalis), o teixo (Meles meles), o raposo (Vulpes vulpes), o gato bravo (Felis sylvestris), o xabaril (Sus scrofa) e os morcegos das ribeiras (Myotis daubentonii) e común (Pipistrellus spp).
Por último, dentro dos invertebrados, destacan os coleópteros Lucanus cervus e Cerambyx cerdo, que constitúen dúas especies de especial interese, ambas incluídas no anexo II da DC 92/43.

