Data de declaración
16 de decembro de 2002
Superficie
363.668,9 hectáreas
Municipios con territorio na RB
Os municipios incluídos na Reserva da Biosfera ascenden a un total de 26: Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, Ourol, Outeiro de Rei, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Rábade, Riotorto, O Valadouro, Vilalba e Xermade.
Figuras de protección
Introdución
A Reserva da Biosfera de Terras do Miño é a primeira destas figuras aprobadas en Galicia, constituíndo ademais na actualidade a que posúe unha maior extensión incluída, posto que comprende unha superficie de 363.668,9 ha, repartidas fundamentalmente entre os subsectores bioxeográficos Lucense e Galaico-Asturaino Septentrional. A temperatura media oscila entre 3,7 e 19,3ºC, mentres que os niveis precipitacionales varían de 919 a 1.761 mm anuais.
A topografía da zona incluída oscila entre o nivel altitudinal dos 100 m en vales fluviais próximos á Serra do Xistral, e os máis de 1.200 m alcanzados nos cumios da Serra do Oribio, aínda que máis de dúas terceiras partes dos territorios se sitúan entre 300 e 600 m. No territorio de Terras do Miño distínguense dous das principais unidades xeomorfolóxicas de Galicia: A meseta de Lugo e as Serras Setentrionais. A meseta de Lugo constitúe unha zona deprimida, lixeiramente afundida respecto á orografía pouco definida que a circunda. Nela poden distinguirse catro subunidades: os rebordos montañosos que serven de límites oriental e occidental; as formas de aplanamento ou amesetadas a distintos niveis; as depresións terciarias; e os vales fluviais que se encaixan no conxunto e que contribúen a fragmentar as superficies de aplanamento. Pola súa banda, as serras setentrionais aparecen representadas na área de estudio polas estribacións da Serra da Carba (905 m) e especialmente pola Serra do Xistral; estas serras marcan a divisoria de augas entre os ríos cantábricos e a cunca alta do río Miño.
A área comprendida pola Reserva da Biosfera de Terras do Miño alberga unha das mellores representacións de ecosistemas naturais e agrosistemas tradicionais característicos dos territorios sublitorais da rexión Atlántica europea. Este territorio albergou dende a antigüidade unha importante poboación, a cal foi crecendo exponencialmente dende a Idade Media ao ser áreas moi propicias para o desenvolvemento de actividades agrícolas, gandeiras e forestais. Coa Revolución Industrial os tipos de aproveitamento e usos do chan sufriron en moitos territorios unha notable transformación coa construción de polígonos industriais, grandes núcleos urbanos e periurbanos, vías de comunicación, etc, sen avaliar os efectos que estas actuacións estaban a causar nos compoñentes da biodiversidade. En consecuencia moi poucas áreas do espazo sublitoral Atlántico manteñen na actualidade exemplos representativos e de certa entidade do que foron as paisaxes e agrosistemas naturais, e máis dificilmente das paisaxes e ecosistemas naturais.
A superficie ocupada pola Reserva da Biosfera de Terras do Miño constitúe polo tanto un dos escasos exemplos a nivel europeo onde se manteñen nunha ampla superficie de terreos tanto compoñentes característicos dos ecosistemas Atlánticos sublitorais (bosques caducifolios, breixeiras e matogueiras, herbais, humidais) como dunha complexa serie progresiva de formas de explotación agrícola, forestal e gandeira fraguada segundo os métodos de aproveitamento do territorio que en moitos casos proveñen da Romanización ou da Idade Media e que representan o actual "agrosistema tradicional".
Entre as paisaxes, ecosistemas, hábitats e especies naturais existentes na área de Terras do Miño atopa unha nutrida representación de Hábitats Naturais Prioritarios de acordo cos criterios establecidos pola directiva comunitaria DC 92/43/CEE. Entre eles cabería destacar os bosques de ribeira, as matogueiras húmidas, as turbeiras, etc. Hábitats que albergan un nutrido elenco de especies, sobre todo plantas, consideradas igualmente por esta normativa como Especies Prioritarias ou Especies Interese Comunitario (Narcissus bulbocodium, Narcissus pseudonarcissus nobilis, Sphagnum pilayssi, etc), ás que habería que unir o conxunto de elementos endémicos a nivel galego, ou ibérico ou de aquelas especies considerados pola IUCN como en raras, en perigo ou ameazadas dentro da súa área de distribución natural.
A configuración actual dos usos da terra no territorio presenta unha grande diversidade, derivada da existencia de áreas concretas con condicións moi específicas, nas que, á súa vez, se foron acentuando certas peculiaridades, modeladas por un aproveitamento humano desigual, a orixe do cal se remonta a épocas prehistóricas. A omnipresencia dos ríos, pertencentes á cunca alta do Miño, é un trazo común nestas paisaxes, os habitantes dos cales buscaron dende tempos inmemoriais a proximidade dos cursos de auga para establecer os asentamentos, e desenvolveron numerosas formas para aproveitar este recurso: caneiros para a pesca, muíños movidos pola forza da auga, ferrarías, ... debendo destacarse como a presenza humana e o uso tradicional dos recursos dende moi antigo contribuíron en boa medida á conservación ata o momento actual dos valores naturais e culturais de Terras do Miño.
A configuración histórica destas paisaxes foi evolucionando ao longo dos tempos segundo se sucedían as diferentes eras xeolóxicas. A partir de rexistros polínicos puídose establecer que os cambios climáticos producidos ao inicio do Holoceno supuxeron unha importante alteración das paisaxes deste territorio, favorecendo a expansión rexional dos bosques. As formacións arbóreas planocaducifolias, carballeiras e abeledos fundamentalmente, continuaron co labor pioneiro dos biduedos, colonizando a maior parte dos pisos inferiores do cinto montañoso que delimita a área.
En canto á zonificación da Reserva da Biosfera de Terras do Miño, as zonas núcleo comprenden as áreas de maior valor ecolóxico nas cales o obxectivo ou función principal é a conservación das paisaxes, ecosistemas máis representativos e as especies que estes conteñen. No ámbito normativo a desenvolver para a xestión do territorio proposto como Reserva da Biosfera, se excluíu o chan clasificado como urbano, urbanizable ou de núcleo rural polo plan urbanístico municipal. Estas zonas núcleo supoñen case o 10% (35.505 ha) da superficie proposta como Reserva da Biosfera. Están dedicadas á conservación a longo prazo e nelas permítense as actividades non lesivas co medio, os aproveitamentos e as actividades gandeiras tradicionais. Nelas buscouse ter unha mostra o suficientemente representativa destas paisaxes, ecosistemas e especies. Esta mostra agrúpase nas seguintes unidades: as paisaxes da auga e as paisaxes de montaña do Xistral.
