Data de declaración
29 de xuño de 2005
Superficie
21.482 hectáreas
Municipios con territorio na RB
Os municipios incluídos nesta Reserva da Biosfera son: Allariz, Vilar de Santos, A Bola e Rairiz de Veiga.
Zonificación
A zonificación baseouse nunha coidadosa análise que ten en conta a investigación científica, a opinión da poboación, as cuestións socioeconómicas, a lexislación vixente, requirimentos do Programa o Home e a Biosfera e outra serie de cuestións pertinentes. A superficie incluída na reserva ascende a un total de 21.482 ha. Delas, o 0,7% incluíuse na Zona núcleo, o cal supón que esta zona ocupe 149,2 ha, compostas fundamentalmente por aqueles lugares nos que é posible atopar ecosistemas naturais menos alterados e, en definitiva, as áreas que presentan un maior estado de naturalidade. Entre estes enclaves é posible citar os humidais do espazo coñecido como Veiga de Ponteliñares, o recentemente declarado Monumento Natural A Carballa da Rocha, ou as zonas de O Briñal, O Canelar, O Foxo Vello, O Ruxidoiro, O Castro de Castrelo e O Castro de San Miguel.
Situada de forma adxacente á anterior, e rodeándoa na súa totalidade, sitúase a Zona tampón, a cal supón un 4,9%, e serve á súa vez de área de atenuación ante as posibles perturbacións que poden provir das zonas con maior actividade económica. Polo tanto, a Zona tampón ocupa 1.054,6 ha, nas que as actividades que se desenvolven ou se van desenvolver estarán suxeitas ao sinalado na Estratexia de Sevilla, á cal se cinguirán os diferentes Plans Xerais de Ordenación dos municipios integrantes, nos cales se contemplan xa figuras de protección para estas zonas. Nas zonas tampón propostas estanse a levar a cabo actividades que contribúen a mellorar a conservación, dentro dun marco de aproveitamento sostible dos recursos. Un bo exemplo diso son as explotacións de gandaría autóctona en réxime extensivo que se están a implantar nalgunha destas zonas. A participación neste programa dos veciños de varias parroquias en concepto de propietarios de Montes Veciñais en Man Común faino posible. Este proxecto de recuperación de superficies agrarias e forestais en estado de abandono recibiu unha mención da ONU, e mereceu a inclusión no Catálogo de Boas Prácticas que auspicían.
A Zona de transición é a de maior extensión, con 20.278 ha, representando un 94,4% do total da Reserva. A case totalidade do territorio conta con Plans de Ordenación, salvo unha pequena parte que se corresponde co municipio de A Bola, territorio no que se está a traballar nun plan. Neste territorio, ao igual que nas zonas tampón, se están a aplicar criterios de desenvolvemento sostible de acordo coa Estratexia de Sevilla. Dos catro municipios que compoñen a Reserva, o de Allariz é o que está a experimentar un maior crecemento, debido á posta en marcha fai agora 15 anos dun proxecto de desenvolvemento a través dos recursos endóxenos, que fixo posible que, a diferencia do resto da provincia de Ourense, Allariz estea a gañar progresivamente poboación.
