Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Reservas da biosfera

As reservas de biosfera constitúen lugares excepcionais para a investigación, a observación a longo prazo, a formación, a educación e a sensibilización do público, permitindo ao mesmo tempo que as comunidades locais participen plenamente na conservación e o uso sostible dos recursos. Considera que tamén constitúen lugares de demostración e polos de acción no marco das políticas de desenvolvemento rexional e de ordenamento do territorio. A Conferencia de Sevilla confirmou a especial importancia das reservas de biosfera instituídas no marco do Programa MaB (Man and Biosphere), sobre o Home e a Biosfera para a conservación da diversidade biolóxica, en harmonía coa salvagarda dos valores culturais aos que están vinculadas.

As reservas de Biosfera constitúen un elemento esencial do Programa MaB (Home e Biosfera) da UNESCO. Son áreas de ecosistemas terrestres, costeiros ou mariños nos que se promove a investigación, a observación a longo prazo, a educación ambiental e a sensibilización do público. Nelas, promóvese a conservación dos recursos naturais e o desenvolvemento económico e social das comunidades locais, tendo en conta todas as necesidades sociais, culturais, económicas dos seus poboadores, apoiadas nunha base científica.

A Rede Mundial de Reservas de Biosfera da UNESCO iniciouse en 1976 e, dende entón, non deixou de crecer. En España existen na actualidade 38 Reservas de Biosfera, das que 4 atópanse en territorio galego (un 10%): Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá; e Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Entre todas elas suman case 600.000 ha, o cal representa un 20% do total do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os obxectivos da Rede española de Reservas da Biosfera son:

a) Manter un conxunto definido e interconectado de «laboratorios naturais»; estacións comparables de seguimento das relacións entre as comunidades humanas e os territorios en que se desenvolven, con especial atención aos procesos de mutua adaptación e aos cambios xerados.

b) Asegurar a efectiva comparación continua e a transferencia da información así xerada aos escenarios en que resulte de aplicación.

c) Promover a xeneralización de modelos de ordenación e xestión sostible do territorio.

A regulación, caracterización e potenciación destas Reservas de Biosfera baséase no feito de que constitúen un modelo de xestión integrada, participativa e sostible do patrimonio e dos recursos naturais, cos obxectivos básicos de conxugar a preservación da biodiversidade biolóxica e dos ecosistemas, cun desenvolvemento ambientalmente sostible que produza a mellora do benestar da poboación, potenciando a participación pública, a investigación, a educación na integración entre desenvolvemento e medio, e a formación en novas formas de mellorar esa integración.

As Reservas de Biosfera, para a súa integración e mantemento como tales, deberán respectar as directrices e normas aplicables da UNESCO e contar, como mínimo, con:

a) Unha ordenación espacial integrada por:

1. º Unha ou varias zonas núcleo da Reserva que sexan espazos naturais protexidos, cos obxectivos básicos de preservar a diversidade biolóxica e os ecosistemas, que conten co axeitado plan de ordenación, uso e xestión que potencie basicamente os devanditos obxectivos.

2. º Unha ou varias zonas de protección das zonas núcleo, que permitan a integración da conservación básica da zona núcleo co desenvolvemento ambientalmente sostible na zona de protección a través do correspondente plan de ordenación, uso e xestión, específico ou integrado no plan das respectivas zonas núcleo.

3. º Unha ou varias zonas de transición entre a Reserva e o resto do espazo, que permitan incentivar o desenvolvemento socioeconómico para a mellora do benestar da poboación, aproveitando os potenciais e recursos específicos da Reserva de forma sostible, respectando os obxectivos desta e do Programa Persoa e Biosfera.

b) Unhas estratexias específicas de evolución cara aos obxectivos sinalados, co seu correspondente programa de actuación e un sistema de indicadores adaptado ao establecido polo Comité MaB Español, que permita valorar o grao de cumprimento dos obxectivos do Programa MaB.

c) Un órgano de xestión responsable do desenvolvemento das estratexias, liñas de acción e programas.

 


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS