Por biodiversidade enténdese, de acordo co establecido no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, “a variabilidade de organismos vivos de calquera fonte, incluídos, entre outras cousas, os ecosistemas terrestres e mariños e outros ecosistemas acuáticos e os complexos ecolóxicos de que forman parte; comprende a diversidade dentro de cada especie, entre as especies e dos ecosistemas”.
A biodiversidade ameazada
A presión que durante séculos exerceu o ser humano sobre os distintos compoñentes da biodiversidade (explotación, transformación, etc.) modificou inevitablemente as características orixinais do medio natural. A magnitude e intensidade destas modificacións sobre o espazo físico foi variable en función do momento histórico, o lugar onde esta acción tivo lugar e o recurso de que se tratase. Gran parte destas actuacións causaron un impacto negativo sobre o medio ambiente e a súa biodiversidade, que levou a que moitas especies, xenotipos, hábitats e ecosistemas se extinguisen, se visen seriamente decimados ou caesen nunha situación de ameaza de maior ou menor intensidade.
Pero a explotación dos recursos non foi a única causa de debilitamento da diversidade biolóxica do planeta, senón que outros factores interviñeron activamente nesta paulatina deterioración. Diversos sectores socioeconómicos ou de desenvolvemento que historicamente formaron parte da nosa sociedade e que no presente teñen unha influencia moito máis incisiva e notoria, tamén interviñeron perentoriamente na erosión da biodiversidade, levando as sociedades humanas ata a situación actual. Entre eles podemos citar a industria, o sector enerxético, o transporte, o turismo, entre outros.
A esta realidade chégase froito da ausencia da aplicación de plans de sustentabilidade ambiental rigorosos en cada un dos sectores que integran o progreso da sociedade humana, malia que na actualidade a óptica política está cambiando cara a iniciativas menos impactantes e que poidan garantir a permanencia dos recursos diana e, por tanto, a continuidade da explotación racional destes.
Por que é importante a biodiversidade
A biodiversidade é importante e faise necesario loitar contra os factores que a ameazan. O ser humano necesita a riqueza biolóxica dos ecosistemas porque vivimos nun grande ecosistema (ecosfera) no que todos os elementos están intimamente relacionados e onde os graves danos nalgunha das súas partes derivan, indefectiblemente, en desequilibrios a escala planetaria. A humanidade necesita vivir nunha biosfera saudable e nun planeta equilibrado. Fenómenos importantes que deben seguir manténdose para vivir nun ambiente saudable son, por exemplo, o completo desenvolvemento dos ciclos dos elementos químicos, a posibilidade de purificar os residuos que producimos e o control das numerosas enfermidades, e todos eles van depender dun bo funcionamento da natureza no seu conxunto.
A diversidade de especies e de xenes é importante porque segue a ser o principal recurso para a obtención de alimentos, medicinas e substancias químicas de moi diferentes usos. Considerado a longo prazo, a evolución e a adaptación das especies aos cambios ambientais vai depender da riqueza de xenes e especies. Por iso, a extinción dunha especie constitúe tamén unha desgraza desde o punto de vista máis utilitario.
Ademais, a destrución do ambiente non é inevitable. Non é necesario destruír ou danar gravemente os ecosistemas e os recursos que estes conteñen co fin de manter un adecuado nivel de desenvolvemento para toda a humanidade, senón que o problema radica máis ben en realizar un uso racional dos recursos e de poñer limitacións a prácticas abusivas e caprichosas.
Principais causas da pérdida da biodiversidade
A continuación exponse unha lista das principais factores que interveñen na erosión da nosa biodiversidade:

