O petróleo e os seus derivados constitúen o alicerce enerxético fundamental da sociedade moderna. A xestión deste recurso leva consigo o seu transporte dende os países produtores ata os consumidores, sendo o transporte marítimo o máis rendible. Os accidentes que poidan producirse entón poden ocasionar importantes alteracións do medio mariño e a fauna e a flora asociadas a este.
A chegada do combustible á costa, debido ás correntes, a ondada e o vento, afecta directamente á integridade dos diferentes ambientes litorais, polo que cómpren actuacións de resposta ante este tipo de episodios. A ampla variedade de ecosistemas litorais exixe ademais un tratamento específico e adaptado ás características e aos requirimentos de cada un deles, todos fundamentais no que á conservación da nosa biodiversidade se refire, ademais de intervir no intercambio de biomasa e enerxía entre o medio terrestre e o mariño.
Dende que se leva realizando o transporte de petróleo por mar tiveron lugar varios accidentes importantes no noso territorio. Non obstante, non foi ata as sucesivas mareas negras ocasionadas pola catástrofe do petroleiro Prestige, no inverno de 2002-2003, cando a sociedade galega puxo atención real ás consecuencias destes sucesos.
Planificación de emerxencias por verteduras de petróleo en Galicia
En materia de verteduras de petróleo, está previsto que a protección da fauna se incardine no denominado Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, o día 16 de novembro de 2006. Neste documento establécese a estrutura organizativa e os procedementos básicos de actuación, coordinación co plan estatal e as modalidades de actuación específicas necesarios para facer fronte a situacións de loita contra a contaminación mariña. A planificación xeral dos plans de resposta de verteduras de petróleo a nivel autonómico correspóndelle á Dirección Xeral para a Protección Civil, dependente da Consellería de Presidencia. Outros departamentos da Xunta deben elaborar plans/programas de traballo específicos para facer fronte á emerxencia en cuestión, nas súas competencias e dentro do marco deste plan.
Rescate de fauna
Para a protección da fauna ante emerxencias por verteduras de petróleo está previsto seguir as seguintes fases:
- Identificación das accións de resposta máis urxentes.
- Determinación e activación do sistema de recollida de aves, transporte, clasificación (inclúe a selección de tratamento a seguir), eutanasia e tratamento de recuperación (estabilización, lavado e recuperación da impermeabilización), todo de acordo con protocolos específicos.
- Identificación e activación das instalacións e materiais necesarios para a asistencia á fauna mariña petroleada.
- Previsión de gastos e liberación do orzamento de emerxencia previsto.
- Activación do voluntariado
- Avaliación do impacto
- Información aos medios de comunicación
Instalacións de acollida de fauna petroleada
As tarefas de recuperación da fauna silvestre petroleada serán levadas a cabo por persoal especializado nos diferentes centros de recuperación de fauna silvestre (CRFS) da Consellería do Medio Rural e do Mar, así como en novos espazos creados para tal efecto. Con respecto a isto último, a Xunta de Galicia está a construír novos espazos de atención á fauna petroleada ou adaptando algún dos CRFS xa existentes co fin de dotalos dos medios necesarios. Así, estase a construír un centro de atención de fauna mariña (mamíferos e tartarugas mariñas) en Baiona, estase a adaptar o CRFS de Oleiros (A Coruña) para a atención de aves petroleadas e adaptouse unha nave para a limpeza de aves petroleadas no CRFS de Cotorredondo (Pontevedra). Ademais, existe tamén o posible apoio por parte do hospital veterinario da Fundación "Rof Codina" da Facultade de Veterinaria de Lugo, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela.

Aves recollidas en Galicia con motivo do vertido do Prestige (1 Mb)
Ligazóns
www.oiledwildlife.eu
www.sea-alarm.org
www.ipieca.org
