Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Biodiversidade >> Xestión da biodiversidade >> Plan de especies exóticas invasoras
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Plan de especies exóticas invasoras

A introdución de especies animais ou vexetais exóticas con comportamento invasor está considerada pola UICN como a segunda causa de extinción de especies. O impacto que este fenómeno xera sobre a biodiversidade tradúcese tanto en efectos sobre a estrutura e funcionamento dos ecosistemas como en impactos directos sobre poboacións nativas, a través de fenómenos de competición, depredación, contaminación xenética e introdución de patóxenos que provocan procesos como a mingua de poboacións e do crecemento dos individuos, redución do éxito reprodutor, cambios no uso do hábitat ou nos patróns de actividade.

Este efecto negativo se multiplicou perigosamente nos últimos anos en paralelo aos procesos de globalización, debido ao incremento do comercio internacional, o transporte e das viaxes turísticas intercontinentais, que constitúen as principais canles de introdución destas especies. Na actualidade, esta problemática acada enormes danos económicos en sectores tan relevantes como a agricultura, a pesca, o sector forestal ou a sanidade

Que se está a facer?

Previamente á redacción dun Plan galego de especies exóticas invasoras é preciso reunir a información dispoñible das especies invasoras presentes ou potenciais en Galicia, a súa distribución e as ameazas biolóxicas que supoñen co fin de poder establecer unha serie de medidas idóneas para a súa xestión. Para elo pártese dunha análise previa (coñecemento do problema) e débense ter en conta os criterios definidos nas estratexias global e europea fronte ás especies exóticas invasoras, en especial baseándose nos principios xerárquicos de prevención (mantemento das áreas naturais, sensibilización social, etc.), detección temperá e resposta rápida de erradicación, e por último minimización do impacto mediante a contención e o control. Engádese un apartado específico relativo ao seguimento, monitorización, e extracción de conclusións tanto referidas ao plan no seu conxunto coma a súas actuacións:

Análise previa

O problema derivado das especies invasoras en Galicia está sendo estudado na actualidade co obxecto de obter información sobre as especies e ecosistemas afectadas e o verdadeiro alcance do seu impacto sobre a nosa biodiversidade. Nunha primeira fase a análise aportará tan só unha primeira aproximación á problemática, polo que no futuro se deberá seguir afondando no seu coñecemento, en especial na análise do impacto das especies invasoras sobre os procesos ecolóxicos, as especies ameazadas e os hábitats naturais, así coma na análise das vías de entrada.

Prevención

En xeral, a prevención é a medida máis eficaz e con menor custo. Neste sentido, unha das principias medidas a desenvolver é integrar esta problemática nos contidos dos programas educativos e desenvolver campañas de información ambiental dirixidas a distintos sectores sociais que permitan dar a coñecer as especies invasoras e os problemas que orixinan. Asómesmo, os organismos implicados en distintas actividades sectoriais (agricultura, silvicultura, acuicultura, transporte, etc..), tanto públicos como privados, necesitan información actualizada sobre os riscos de introducións non intencionadas de especies invasoras e realizar valoracións de riscos detalladas antes de introducir intencionadamente especies exóticas para garantir que estas especies non se comportan como invasoras.

Detección precoz e resposta rápida

Mediante a vixilancia periódica por parte de persoal instruído, pódese controlar a implantación de posibles especies invasoras. A actuación nas primeiras fases é a forma máis fácil e barata de atallar o problema. Para isto é necesario a creación de plans de vixilancia que permitan detectar a entrada de especies invasoras nas primeiras fases, o que permite, en ocasións, unha erradicación temperá, que sempre será moito máis accesible que cando a especie se atopa xa establecida. Dita rede deberá complementarse cos medios persoais cualificados e orzamentarios para dar unha resposta de erradicación rápida.

Erradicación e control

No caso das especies invasoras instaladas xa en medios naturais e áreas protexidas, cómpre estudar a viabilidade de levar a cabo unha erradicación destas poboacións considerando o nivel de impacto e extensión da invasión, as funcións ecolóxicas, ou incluso sociais, que pode estar desenvolvendo na actualidade a especie, a bioloxía da especie, posibles métodos de control, os custos, posibilidades de éxito e impactos secundarios. Unha ferramenta útil para elo é a realización dunha avaliación do impacto ambiental da non actuación fronte á actuación de erradicación. Se a erradicación non é viable, haberá que controlar a proliferación da especie, levando a cabo accións co obxecto de limitar a súa expansión (contención) ou limitar os danos que producen en ecosistemas ou especies sensibles (control).

A realización dunha intervención temperá ou tardía vai condicionar seriamente o custo total das actuacións emprendidas para controlar unha invasión biolóxica, cun exceso de custos iniciais da actuación temperá, pero cun beneficio significativo desta fronte á actuación tardía a medio e longo prazo. Unha vez adoptada unha decisión de actuar, deberán definirse os métodos a utilizar, un calendario de actuacións e os resultados esperados. Nesta planificación e no seu seguimento é importante contemplar a restauración do medio e a posible ocupación por parte doutras especies invasoras do nicho liberado tras a erradicación.

Seguimento e extracción de conclusións

Co obxecto de intentar extraer conclusións que permitan marcar as pautas en futuras actuacións, débense definir as variables a controlar en cada plan de actuación, facer un seguimento das mesmas así coma asegurarse da eficacia dos métodos de control aplicados. Para isto débense seguir polo miúdo todas as fases do plan, recollendo os datos necesarios, como a evolución do hábitat, a aparición de novas especies invasoras, etc.

Contidos a desenvolver no Plan galego de especies exóticas invasoras

1) Coñecemento do problema

  • Marco legal
  • Catalogación de especies exóticas invasoras
  • Identificación dos hábitats máis vulnerables.
  • Análise xeral sobre a presenza e alteración de especies exóticas invasoras en espazos naturais protexidos
  • Análise do impacto potencial e real nas especies autóctonas, especialmente as ameazadas
  • Análise das vías de penetración e expansión e determinación da súa magnitude
  • Implantar unha metodoloxía e sistemática de recompilación de datos
  • Actualización de bases de datos e Sistemas de Información Xeográfica
  • Intercambio de información entre Administracións e co ámbito científico

2) Prevención e resposta rápida

Educación e concienciación social (cunha estratexia a longo prazo)

  • Plans de estudio (xerais e sectoriais)
  • Material divulgativo (especies invasoras, Libros, trípticos)
  • Formación do persoal das administracións
    • Cursos na EGAP
    • Cursos de capacitación de axentes
  • Apoio e colaboración con ONGs

Códigos de boas prácticas para sectores de alto risco

Medidas reguladoras para actividades de alto risco
Análise de riscos
Prevención nas vías de entrada

  • Bloqueo de vectores
  • Control de puntos de risco
  • Rexistro de especies

Cortar invasións incipientes

  • Sistema de alerta temperá xeral e de resposta rápida - Sistemas de alerta temperá específicos:
  • Mexilón cebra (32 Mb)

3) Erradicación, Contención e Control

  1. Definición e priorización de actuacións (especies, hábitats sensibles,.)
  2. Análise da viabilidade técnica e socioeconómica
  3. Avaliación do impacto das accións de xestión fronte o impacto da especie
  4. Bases científicas e legais
  5. Planificación de actuacións:
  • Capacitación do persoal implicado
  • Definición de protocolos de traballo (Plans de xestión de especies exóticas invasoras)
  • Cortar vías de entrada/establecer alerta temperá
  • Restauración do ecosistema
  • Apoio social das actuacións pola opinión pública e os sectores implicados

4) Seguimento e extracción de conclusións

  • Variables a controlar
  • Seguimento das actuacións e fases do plan
  • Control e seguimento de actividades de risco
  • Actualización de información
  • Avaliación de resultados

© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS