Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Biodiversidade >> Xestión da biodiversidade >> Liñas de traballo >> Loita contra cebos envelenados
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Loita contra o uso ilegal de cebos envelenados

O uso de cebos envelenados co fin de acabar con certas especies depredadoras (maioritariamente lobos, raposos, xabarís, etc.) é unha actividade documentada en España desde hai máis dun século. A causa: os danos dos carnívoros ao gando, ás especies cinexéticas e aos cultivos.

Esta práctica non constitúe un método eficaz de control fronte a depredadores, senón máis ben unha eliminación indiscriminada sobre a fauna en xeral, xa que non se trata dun método de control selectivo, púes afecta a especies predadoras de todo tipo, necrófagas, omnívoras e mesmo animais domésticos. Ademais de ser unha práctica cruel cos animais, altera a organización dos ecosistemas e pode ter repercusións negativas nos seres humanos, xa que o veleno entra na cadea alimenticia. Non obstante, sexa cal sexa a composición do produto velenoso, a maioría teñen en común que conducen a unha morte prolongada e dolorosa por sufocación e parálise muscular.

Polo tanto, este método ilegal de control non selectivo causa a regresión e extinción da fauna, coa agravante de que os principais afectados son precisamente as especies en serio perigo de desaparecer para sempre. E aínda que perigo significa que aínda hai tempo, extinción é sinónimo de irreversible. Ademais, non se pode ter unha estimación real do número de exemplares mortos por envelenamento, ben sexa pola inaccesibilidade, por non empregar o mesmo esforzo nas diferente especies ou ben por outro tipo de factores.

 A lexislación internacional e local endurécese ano tras ano e persegue a cómoda práctica de lle provocar a morte á natureza por medio da utilización de veleno, pero os procedementos son difíciles de detectar e, desfortunadamente, moi doados e baratos de levar a cabo. En 1989, a Lei de conservación de espazos naturais e fauna e flora silvestres prohibiu matar fauna con veleno, e en 1995 esta práctica foi tipificada como delito no art. 336 do Código penal español supoñendo unhas penas de entre seis meses e dous anos de cárcere. A normativa da nosa Comunidade Autónoma tamén considera o uso de veleno como infracción moi grave, pero a aplicación de toda ista normativa está limitada pola dificultade da demostración da autoría do envelenamento. Debido a este gran problema, formulouse a Estratexia Nacional Contra o Uso Ilegal de Cebos Envelenados no Medio Natural, aprobada en setembro de 2004 por parte da Comisión Nacional de Protección da Natureza, órgano participado polo Ministerio de Medio Ambiente e as comunidades autónomas.

O problema do uso do veleno en Galicia

Ata o de agora, é difícil establecer a magnitude e gravidade exacta do alcance do uso de cebos envelenados no territorio de Galicia, debido basicamente ao baixo número de casos notificados. Por estes motivos, das tres liñas de traballo previstas para a loita contra o uso ilegal do veleno,  a primeira está completamente dedicada á recollida de información e á mellora da comunicación entre colectivos e autoridades implicadas. Dentro desta, e co fin de unificar e conservar actualizada toda a información ao respecto, crearase a Base de datos sobre o uso ilegal de veleno en Galicia.

Accións para a loita contra o uso ilegal de velenos no medio natural de Galicia

Aínda que a planificación está sendo elaborada, expoñense os principais contidos nos que se está a traballar.

1) Información:

  • Búsqueda y detección de cebos y animales envenenados.
  • Planificación de tarefas de busca (áreas prioritarias, épocas,...).
  • Protocolos específicos.
  • Formación dos axentes.
  • Base de datos sobre o uso ilegal de veleno.
  • Rede de colaboradores.

2) Prevención e disuasión:

Accesibilidade a produtos tóxicos.Formación, sensibilización e divulgación:

  • Colectivos agropecuarios e relacionados coa actividade cinexética.
  • Axentes (Ambientais, Forestais, ...)
  • Persoal da Consellería e demais administracións implicadas ou relacionadas.
  • Poboación en xeral.

Medidas de ordenación de actividades relacionadas co uso ilegal de velenos.
Solucións alternativas aos motivos do usos ilegal de cebos envelenados:

  • Medidas de prevención de danos a gandaría e agricultura causados pola fauna silvestre.
  • Axudas por danos da fauna silvestre.
  • Control de cans asilvestrados.
  • Xestión de especies que causan danos.

3) Persecución do delito:

  • Vixilancia.
  • Levantamento, custodia e análise de cebos/cadáveres:
    • Formación dos axentes.
    • Protocolos de actuación.
    • Medios técnicos e laboratorios de análise de mostras.
  • Investigación do delito:
    • Formación dos axentes.
    • Protocolos de actuación .
    • Colaboración co SEPRONA.
  • Actuacións penais e administrativas coordinadas.

Que facer se teño noticia dun caso de uso ilegal de cebos envelenados?

Un dos principais obstáculos para denunciar os que practican este método non selectivo e ilegal é a carencia de probas axeitadas. Por este motivo, é moi importante que se atopamos un cadáver ou cebo supostamente envelenado, se apliquen unhas liñas de actuación que eviten defectos de forma. Entre outras:

  • É imprescindible avisar a autoridade xudicial (Axentes de medioambiente, SEPRONA ou axentes forestais), chamando ao teléfono de emerxencias 112.
  • Non hai que tocar nin tratar de mover o cadáver ata que compareza a autoridade.
  • Se se pode, é importante fotografar a zona e o cadáver.
  • Débense prospectar as proximidades para descubrir se hai máis cadáveres, mesmo de animais domésticos, e cebos.

© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS