Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Biodiversidade >> Xestión da biodiversidade >> Liñas de traballo >> Bancos de xermoplasma
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Bancos de xermoplasma

Os Bancos de Xermoplasma son coleccións de material xenético onde se conservan ex situ (fóra do seu hábitat habitual) distintos elementos vexetais, como células, tecidos ou órganos. As sementes son os elementos comunmente máis almacenados e o seu fin é dar lugar a unha planta con fins produtivos ou ambientais.


No caso da nosa Comunidade Autónoma, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible ten subscrito na actualidade un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela co obxecto de desenvolver un banco de xermoplasma da flora ameazada de Galicia, co fin de asegurar o mantemento do seu acervo xenético, e que poderán establecerse tanto dentro como fóra dos seus hábitats.

Os obxectivos xerais dun banco de xermoplasma son:

  1. Localizar, recolectar e conservar plantas consideradas de interese prioritario para a conservación das súas poboacións.
  2. Traballar para o coñecemento científico orientado á optimización da conservación e o uso produtivo dos recursos fitoxenéticos.

A conservación ex situ de sementes permite manter material xenético en pequenos espazos e baixo ambientes controlados de temperatura e humidade. En caso de que no medio natural se produza unha catástrofe ou unha perda importante de efectivos poboacionais, ben a causa de factores ambientais ou por unha actividade antrópica, este material xenético pode ser usado para mellorar a situación da poboación ou poboacións alteradas. Ademais, os recursos fitoxenéticos almacenados son empregados en estudos de mellora xenética e o intercambio de xermoplasma a escala nacional e internacional.

Con esta proposta de investigación preténdese propagar e conservar in vitro xermoplasma con características sobresaíntes, e así dispoñer dun banco de xenes, xa que supón un recurso de cara á conservación de especies endémicas, ameazadas ou de interese, así como a posibilidade de crear híbridos de mellor calidade e máis produtivos. Como exemplo do que se podería obter grazas a estes bancos de xermoplasma, son híbridos adaptados ás condicións de Galicia, conseguindo con iso gran facilidade de xerminación, unha mellor tolerancia ao estrés, boa calidade de forraxe, etc.

Creouse unha rede española para a conservación ex situ da flora (REDBAG). O obxectivo desta Rede é colaborar coa Administración Española e as distintas Comunidades Autónomas no cumprimento da Estratexia Mundial para a Conservación das Plantas, que recolle a necesidade de "establecer ou fortalecer redes para actividades de conservación de especies vexetais a nivel internacional, rexional e nacional".

 


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS