Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Biodiversidade >> Xestión da biodiversidade >> Instrumentos de xestión
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Instrumentos de xestión

Froito da preocupación polas causas que ameazan o mantemento do equilibrio ecolóxico, en 1992 celébrase a 2ª Conferencia Mundial sobre o Medio Ambiente e Desenvolvemento das Nacións Unidas, que derivou na redacción do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica. Resultado deste compromiso asinado por diversos países é o nacemento na Comunidade Europea dunha estratexia en materia de biodiversidade: a Estratexia Global Europea para a Biodiversidade (1992), documento que recolle os preceptos básicos do mencionado convenio. Esta estratexia europea establece unhas pautas xerais que lles brindan ás autoridades un rápido acceso ao fundamento das medidas e investimentos en biodiversidade e ás propostas específicas que se ofrecen nesa estratexia, co fin de elaborar políticas e instrumentos comunitarios que garantan a protección e conservación da diversidade biolóxica. Polo tanto, esta estratexia comunitaria serviu de documento básico para a redacción das Estratexias española, e posteriormente a galega, para a conservación e o uso sostible da biodiversidade.

Os obxectivos básicos que persegue a Estratexia galega son os seguintes:

  • Alcanzar a necesaria coordinación e cooperación entre todas as institucións e organismos implicados.
  • Conseguir a integración dos principios reitores da conservación e o uso racional da diversidade biolóxica.
  • Deter, e se é posible reverter, o proceso de redución da taxa de diversidade biolóxica.
  • Conseguir un nivel social e economicamente aceptable de xestión e uso sustentable dos recursos naturais e dos compoñentes da diversidade biolóxica.
  • Incrementar os niveis de coñecemento, investigación e divulgación dos
    compoñentes da diversidade biolóxica.
  • Aumentar significativamente a formación ambiental xeral cara ao conxunto da sociedade e particular cara a determinados sectores para conseguir o máximo nivel de colaboración social na xestión sustentable da diversidade biolóxica.
  • Aplicar as reformas institucionais e lexislativas necesarias para a consecución dos obxectivos anteriores.
  • Reforzar os mecanismos de cooperación nacional e internacional existentes en torno á xestión da diversidade biolóxica e incrementar a participación da sociedade galega na medida das súas necesidades e posibilidades.

O principal instrumento normativo na nosa Comunidade Autónoma é a Lei 9/2001, do 21 de agosto, sobre conservación da natureza (DOG n.º 171, do 4 de setembro de 2001). O obxecto desta lei é establecer normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais, así como a adecuación da xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, ademais da xea da comunidade autónoma galega, a difusión dos seus valores, así como a súa preservación para as xeracións futuras.

Nesta lei prevense as diferentes figuras de protección de espazos naturais, a súa definición e as características daqueles espazos merecedores de tales figuras. Así mesmo, establécense os instrumentos de planificación de espazos naturais (plans de ordenación dos recursos naturais, plans reitores de uso e xestión) e as medidas de conservación da fauna e flora, partindo dos seguintes principios:

  • Nas súas actuacións, a Xunta de Galicia adoptará as medidas necesarias para garantir a conservación, protección e recuperación das especies de flora e fauna que viven en estado silvestre en Galicia, con especial atención ás autóctonas.

  • Daráselles preferencia ás medidas de conservación das especies nos seus hábitats naturais, considerando, cando fose necesaria, a adopción de medidas adicionais de conservación fóra deses hábitats.
  • Adoptaranse as medidas precisas para regular a introdución e proliferación incontrolada no medio natural de especies distintas das autóctonas, en especial cando poidan competir con estas e alterar a súa pureza xenética ou os equilibrios e dinámica ecolóxicos. Neste sentido, a nova Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade establece (artigo 55), ademais da creación dun catálogo español de especies exóticas invasoras, a posibilidade de que as comunidades autónomas nos seus ámbitos territoriais establezan catálogos de especies exóticas invasoras, determinando as prohibicións e actuacións suplementarias para a súa erradicación.
  • Daráselles prioridade, nas actuacións e nos plans de conservación, ás especies endémicas e a aquelas outras cunha área de distribución moi reducida ou unha poboación moi escasa, así como ás migratorias.

Entre os instrumentos que se crean para cumprir cos seus obxectivos figuran:

  • Catálogo galego de especies ameazadas, regulado polo Decreto 88/2007, e onde se recollen todas aquelas especies ameazadas, ben “en perigo de extinción” ou baixo a categoría “vulnerable”. Este documento, de vital importancia para o coñecemento do estado de saúde das poboacións de flora e fauna silvestre do noso territorio, ten un marcado carácter dinámico e, a través da catalogación e descatalogación de especies, pódese levar un seguimento ou monitorización continua delas.
  • Plans de recuperación, conservación e manexo
  • Centros de recuperación de fauna
  • Bancos xenéticos

© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS