Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Biodiversidade >> Hábitats
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Hábitats

Pode definirse hábitat como o ambiente que reúne as características adecuadas para a supervivencia de varios individuos ou poboacións en condicións naturais, perpetuando a súa existencia no tempo. O hábitat non só virá determinado polos seus elementos abióticos, senón tamén pola existencia de elementos bióticos; ambos elementos constituíntes dun determinado ambiente caracterízanse por presentar certa uniformidade, o que outorga, en definitiva, unha certa idea de identidade.

Podería dicirse que aqueles organismos que se desprazan ao longo do seu ciclo de vida e cambian de ambientes en función dos requirimentos que presenten (por exemplo as especies migratorias) presentan un hábitat múltiple ou complexo. Estes organismos utilizan diferente tipo de hábitats, cada un coas súas características e os seus recursos propios, en función dos seus requirimentos ao longo do tempo.

Os hábitats poden ser ambientes orixinados naturalmente ou artificialmente, pero en ámbolos dous casos os organismos viven en condicións naturais, é dicir, libremente e sen estar sometidos a un manexo.

A Directiva Hábitats (92/43/CEE) establece unha clasificación dos diferentes tipos de hábitats naturais presentes no territorio dos estados membros da Unión Europea. Esta directiva recolle un total de 179 tipos de hábitats naturais catalogados como hábitats de interese comunitario. En España encontramos 121 tipos dos 179 hábitats identificados na Unión Europea, 58 dos cales están catalogados como hábitats de interese prioritario. Galicia conta cun total de 56 tipos de hábitats de interese comunitario, 10 deles de carácter prioritario pola dita Directiva.

A maior parte destes hábitats de interese comunitario presentes no territorio galego correspóndense con hábitats costeiros e halófilos, sistemas dunares, formacións de matogueira, pasteiros naturais, seminaturais e os bosques. A súa presenza vén determinada, en parte, por diversos factores ambientais dominantes no noso territorio, como son a influencia oceánica e a variada orografía, así como pola intervención humana.

Pode dicirse que Galicia conta cun notable número de hábitats naturais dentro do contexto estatal. Estes hábitats, incluídos os fondos mariños próximos á costa, acollen unha característica representación de flora e fauna asociada aos mesmos.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS