Descrición
Herba perenne, estolonífera de ata 2 m. Talos xeralmente rastreiros, que permanecen no solo ou sobre outras especies a modo de soporte. Follas opostas, ovadas, de cor verde brillante por ambas as caras, glabras. Flores branco-azuladas, de ata 5 cm con 5 lóbulos asimétricos, en pedúnculos máis curtos que a folla adxacente. Cáliz con dentes estreitamente triangulares e glabros. Froito en folículo.
Lugar de proveniencia
Mediterráneo oriental e central. Segundo algúns autores, é autóctona na península Ibérica, aínda que nos parece moi improbable en Galicia.
Propagación
Vexetativamente por estolóns, e tamén por semente.
Comportamiento e problemática
Especie invasora nos Estados Unidos, frecuente na Península. En Galicia invade medios naturais e é posible que cause unha competencia con especies autóctonas.
Introdución
Ornamental. Segundo uns autores é autóctona e segundo outros é un arqueófito (introdución anterior a 1500) na península Ibérica. En Galicia coñécese desde 1852, citada por Planellas.
Hábitats en que aparece
Comunidades con certa nitrofilia, preferentemente costeiros e sobre solos areosos. Noiros, herbeiras, ambientes forestais, sebes e silveiras.
Distribución en Galicia
Aparece en diferentes lugares sen un patrón claro. Está citada dende a serra dos Ancares ata as illas Cíes. É máis frecuente no litoral, pero non é rara no interior.
Outras especies
Vinca major L. ten flores de maior tamaño e dentes do cáliz máis longos. Naturalízase con menos frecuencia, igual que Vinca minor L., de flores menores e dentes do cáliz triangulares.
Mecanismos de control
Esta planta non é especialmente difícil de controlar, xa que non forma estruturas de resistencia. Porén, Vinca difformis pódese establecer cunha densa cobertura sobre plantas nativas. Nestes casos é moi difícil que as tarefas de control non afecten ás plantas que se queren conservar.
Por outra parte, e debido á gran capacidade de reabrollar que posúe, recoméndase revisar as zonas en que a planta sexa eliminada polo menos dúas veces ao ano (en outono e primavera).
Control mecánico
O control manual de Vinca pode ser absolutamente eficaz se se conseguen retirar os estolóns e os nódulos, aínda que é unha técnica que require moitotempo. No caso de ter que repartir ao longo do ano as tarefas de control (por exemplo, por falta de medios), é recomendable traballar a partir do perímetro da invasión para o interior. Para retirar a planta, é mellor ir tirando para atrás dos estolóns, para así evitar a expansión da planta no tempo que transcorra entre actuación e actuación. Ademais, as tarefas pódense programar para momentos determinados do ano, de tal maneira que lles permita ás especies nativas unha recolonización progresiva da zona. As especies de Vinca teñen unha forte capacidade de reabrollar, polo que se desaconsella segalas ou cortalas, xa que reabrollarán con máis forza.
Outra técnica de control que se pode empregar é o recubrimento. Para que sexa efectiva, primeiro débese segar a planta e posteriormente recubrir cunha cuberta plástica ou de materia vexetal, tal e como se indica na Descrición xeral dos medios de control.
Control químico
Nos Estados Unidos, invasións de Vinca en distintos parques naturais foron tratadas satisfactoriamente con herbicidas con glifosato ao 36%. En Santa Rosa aplicáronse produtos deste tipo ao 1% para eliminar plantas de Vinca minor cando tiñan unha lonxitude de 5 cm. En dúas semanas as plantas detiveron o seu crecemento e no 80% morrera ao cabo de dous meses. Ademais, os gromos novos secaron tamén polo estolón. Noutra reserva (Ramsey Canyon) observouse que tratamentos ao 5% de produtos con glifosato ao 36% aplicados despois de segar as plantas obtiveron unha eficacia case do 100%. De todos os xeitos, para protexer a flora local é máis recomendable realizar aplicacións ao 2-3% despois da sega (eficacia do 70-75%), e completar con aplicacións puntuais a posteriori onde sexa necesario. A aplicación debe ser realizada inmediatamente despois da sega (10-15 min). Para facilitar a distribución do herbicida pola planta, é útil aplicar un surfactante e realizar o tratamento cando as condicións son idóneas para o crecemento da planta. Outros produtos que foron atopados efectivos son o Garlon aplicado ao 2% e Tordon ao 3%.
Control biolóxico
Na actualidade non se coñece ningún axente para o control destas plantas, nin ningunha especie que puidese ser un candidato para o seu uso como tal.
Bibliografía
Merino, 1906: 8; Bean & Russo, 1986; Schulz & Thelen, 2000; Swearingen et al., 2002.

Nome común
Herba doncela, herba da envexa,vinca
Nome científico
Vinca difformis
Clase
Plantas superiores
Familia
Apocynaceae
