Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Grama americana, grama galega (Stenotaphrum secundatum)

Descrición
Especie perenne, con talos rastreiros non-ramificados de cor verde amarelado que enraízan. Follas glaucas, ríxidas, de ata 10 cm, pregadas, con lígula membranosa curta. A inflorescencia é unha espiga ríxida formada por un eixe engrosado de ata 30 cm. Espiguiñas con dúas flores, a inferior estéril e a superior hermafrodita. Glumas desiguais. O froito é unha cariópside.


Lugar de proveniencia
América tropical e subtropical, aínda que existen dúbidas sobre a súa distribución natural.


Propagación
Por rizoma, os estolóns rastreiros enraízan e cobren amplas zonas con rapidez. As sementes son fértiles e é probable que utilice a propagación sexual e vexetativa.


Comportamento e problemática

imaxe

É unha especie invasora en diferentes lugares do mundo; na Península está dispersa por toda a costa. É moi perigosa pola súa facilidade para colonizar zonas e tapizalas modificando as condicións naturais e afectando ás especies nativas.


Introdución
Utilizouse como especie para céspedes en lugares costeiros areosos, e probablemente se naturalizou a partir destas partidas de semente comercial. Coñécese en Galicia desde principios de século.


Hábitats en que aparece
Areais costeiros, dunas e outros hábitats da costa como pasteiros, marxes de marisma, etc.


Distribución en Galicia
Costa galega en diferentes areais como as Cíes, Corrubedo, Fisterra, Ferrol, etc., e en xeral toda a costa.


Mecanismos de control


Control mecánico
O control mecánico desta especie non é unha tarefa sinxela. A estrutura da planta fai que o arranque manual non sexa sinxelo. Ademais é necesario retirar os rizomas e estolóns do solo, non unicamente a parte aérea. A rozadura ou sega non van ser moi eficaces, xa que reabrolla con facilidade dos estolóns. A mellor maneira de aplicar un control mecánico é utilizando aparellos de labranza, como anciños, para erguer os estolóns e posteriormente tirar deles. No caso de poboacións moi densas, ese pode ser un labor moi arduo.


Control químico
O control químico sería unha boa opción para eliminar grandes superficies, xa que esta especie, cando aparece en elevadas densidades, pode chegar a constituír comunidades case monoespecíficas, de tal maneira que se poderían aplicar tratamentos herbicidas contra gramíneas. Para evitar danos a especies autóctonas que non estean na zona, cómpre tomar medidas para que non se produza a deriva por vento (como a aplicación con pantallas). No caso de poboacións de pequena densidade, estas adoitan aparecer en forma de grupos illados de individuos, tal e como se observa na fotografía adxunta. Nestes casos poderíanse realizar aplicacións puntuais e dirixidas para cada un dos grupos.


Control biolóxico

Non existe ningún axente biolóxico comercializado na actualidade contra esta especie.


Bibliografía
Guitián y Guitián, 1986: 175; Lago et al., 1989: 127; Soñora, 1991: 112.

Ficha (102 Kb)

Nome común
Grama americana, grama galega
Nome científico
Stenotaphrum secundatum
Clase
Plantas superiores
Familia
Poaceae


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS