Descripción
Fento acuático, flutuante formado por un talo de ata 15 cm cuberto de follas lobuladas de 1 a 2 mm, avermelladas, papilosas con marxe hialina. As raíces son simples, non fixadas ao substrato.
Lugar de proveniencia
Procede do continente americano, nativa no sur de EEUU, México, Centroamérica, e toda América do Sur, agás o sur de Chile e Arxentina.
Propagación
A especie reprodúcese normalmente nas áreas onde invade, cunha fase de megaesporanxio e outra de microesporanxio. Tamén se fragmenta o talo e, ao ser flutuante, dispérsase ata longas distancias aproveitando os cursos de auga.
Comportamento e problemática
A especie coloniza estanques, pantanos e outras zonas de augas estancadas normalmente con altos valores de contaminación orgánica e, máis raramente, en augas limpas. Forma un tapiz continuo que provoca cambios na dinámica do ecosistema, producindo gran cantidade de residuo orgánico e evitando o paso da luz. Ademais, a súa capacidade para fixar nitróxeno atmosférico xera unha maior eutrofización destas augas.
Introdución
A introdución é probablemente accidental, aínda que se utiliza en acuarios e como flora acuática ornamental, o que pode ser unha vía de entrada.
Hábitats en que aparece
Charcas, lagoas, pantanos e zonas de augas máis ou menos estancadas en xeral. Afecta a diferentes comunidades naturais de interese e a especies raras ou ameazadas como Luronium natans ou Nymphoides peltata (Romero et al., 2004).
Distribución en Galicia
A zona principal afectada está no río Miño, entre Rábade e o pantano de Belesar. Ademais está presente nas provincias da Coruña, Ourense e Lugo (Romero et al., 2004). No LIC Parga-Ladra-Támega (Lugo) desenvólvese actualmente un proxecto LIFE por parte do INLUDES (Deputación Provincial de Lugo) no que se contempla a erradicación desta especie na zona mediante métodos mecánicos (http://life.terrasdomino.org/).
Outras especies
Para algúns autores é un sinónimo de A. filiculoides, pero Azolla caroliniana Willd. foi citada en Galicia, de Vigo e Sanxenxo (Pontevedra), por Gómez Vigide et al. (2005). Tamén é de orixe americana e diferénciase da anterior por ter as follas menores e máis agrupadas nos talos.
Mecanismos de control
O control deste fento é un gran problema debido á rapidez de crecemento que presenta (pode duplicar a súa biomasa en tres días) e á súa fertilidade, xa que é capaz de multiplicarse vexetativamente mediante fragmentación e ao tempo reproducirse mediante esporas.
Control mecánico
Este fento pode ser retirado manualmente a pé ou en botes. Non obstante, esta non é unha técnica moi efectiva a longo prazo, xa que Azolla filiculoides é moi fráxil e rompe con facilidade, o que dá lugar á formación de numerosos fragmentos que dificilmente serán retirados da auga. Estes fragmentos reabrollarán con rapidez, recuperando nun breve período de tempo a biomasa inicial. No ano 2001 no Parque Natural de Doñana realizouse un intento de erradicación que resultou pouco frutuoso, debido á imposibilidade de retirar os miles de pés do fento espallados pola auga. En Inglaterra recoméndase usar barreiras para elevar temporalmente o nivel da auga e así retirar as plantas cando o vento e as correntes as acumulen contra as barreiras. A efectividade da retirada manual vese reducida tamén pola existencia de millóns de esporas na auga, que xermolarán para dar lugar a novos individuos. Así, será necesario repetir a retirada das plantas antes de que os novos individuos produzan de nova esporas. No Reino Unido o control mecánico desta planta está considerado como imposible.
Control químico
En arrozais esta planta contrólase con herbicidas de aplicación acuática. Pero tendo en conta os graves efectos que tería na flora local e a imposibilidade de aplicar medidas de mitigación (ou o descoñecemento delas), desaconséllase o uso destes produtos. Como alternativa, en Inglaterra estase investigando a aplicación de extractos de Artemisia dracunculus e Artemisia vulgaris para reducir o crecemento deste fento.
Control biolóxico
O control biolóxico desta invasora é totalmente accesible mediante o gurgullo orixinario de Norteamérica Stenopelmus rufinasus. Este insecto aliméntase unicamente de plantas do xénero Azolla, co que non vai atacar plantas nativas. Ten unha boa capacidade de adaptación; de feito, en Inglaterra detectáronse poboacións naturalizadas deste gurgullo e, unha vez que consumiu toda a poboación de Azolla nunha zona, dispersarase en busca de novas poboacións.
Dadas as dificultades que presentan outras técnicas de control, o biolóxico móstrase como a única ferramenta útil no caso de que se produza a invasión dunha ampla zona. De feito, este insecto xa foi utilizado con éxito en Sudáfrica e é considerado efectivo contra as infeccións máis graves e extensas. No caso de invasións puntuais, atalladas antes da evolución exponencial da biomasa do fento, a erradicación por métodos mecánicos ao longo de varios períodos de tempo pode ser efectiva. Exemplo disto son as actividades de erradicación desta especie desenvolvidas nos puntos invadidos do río Miño coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
Bibliografía
Almeida, 1986; Cirujano & Medina, 2002: 58; Anon., 2003a; Romero et al., 2004: 61; Oduro et al., 2004; Gómez Vigide et al., 2005: 58.

Ficha (114 Kb)
