Descrición
Árbore caducifolia de ata 20 m con cortiza grisácea e ás veces con espiñas. Follas de ata 35 cm, imparipinnadas, con 3-11 pares de folíolos redondeados. As inflorescencias son acios axilares colgantes de 10 cm, cunha ducia de flores. As flores son brancas e cunha mancha amarela na base do estandarte. O legume é alongado, colgante, de ata 12 cm, con 1-18 sementes reniformes, pardas, de 4-5 mm.
Lugar de proveniencia
América do Norte, onde é unha especie de baixa frecuencia en bosques caducifolios.
Propagación
Reprodúcese principalmente por sementes, e ademais a reprodución vexetativa parece ser importante; isto, xunto co seu rápido crecemento, confírelle unha alta capacidade de propagación. A escarificación das sementes é necesaria para a súa xermolación, polo que pode verse favorecida polos incendios.
Comportamiento e problemática
A especie modifica as condicións naturais do terreo que ocupa, formando un humus rico en nitróxeno que favorece a presenza de especies oportunistas. Isto prodúcese pola formación de nódulos de Rhizobium nas súas raíces, o que lle permite fixar nitróxeno atmosférico. É unha especie invasora en diferentes lugares do mundo como Australia, Nova Celandia, outras zonas de América, Asia tépeda, África do Norte e centro e sur de Europa. En España é unha das especies máis problemáticas no Cantábrico, Levante e centro peninsular.
Introdución
Principalmente ornamental, tamén como madeirable. Introduciuse en Europa no século XVII e utilizouse en xardinaría desde antigo, tamén en Galicia.
Hábitats en que aparece
Hábitats forestais e preforestais, así como en zonas degradas, cunetas, etc.
Distribución en Galicia
Toda a xeografía galega, nas catro provincias no interior ou na costa, aínda que a maior presión está sobre o eixe costeiro de Vigo-Santiago-Ferrol.
Mecanismos de control
Control mecánico
O control mecánico por si só non é unha alternativa moi útil. A poda non é eficaz, xa que esta especie reabrolla con moita facilidade, de tal maneira que para conseguir certo grao de control será necesario podar de novo todos os novos gromos que aparezan durante unha mesma tempada. A sega controla temporalmente a dispersión da planta; non obstante, tras eliminar a parte aérea, as raíces darán lugar a chupóns que agroman con renovado vigor. Unha técnica alternativa é a aneladura de árbores, que consiste en realizar unha incisión circular preto da base do tronco, de xeito que se cortan os vasos que transportan o floema pero non o xilema. De todos os xeitos, con esta técnica tamén teremos o problema dos numerosos chupóns que van reabrollar da parte basal da árbore.
Control químico
Pódense aplicar tratamentos de herbicidas non selectivos, como glifosato ou triclopir. O máis efectivo e seguro é realizar unha aplicación basal en árbores novas que non presenten troncos superiores a 15 cm de diámetro (cómpre empapar ben o tronco). En árbores maduras será necesario fumigar cada unha das ramas e talos. Un problema que ten é que non é factible realizar unha aplicación dirixida ou puntual, polo que haberá unha gran deriva, afectando a plantas nativas.
Unha boa alternativa é a combinación do control químico e mecánico. Pódense podar as árbores pola base e, inmediatamente, aplicar un tratamento de glifosato ao 20% ou dalgún produto con triclopir ao 50% diluído, pola súa vez, ao 50% en auga. Este último é especialmente eficaz para evitar a aparición de chupóns. Pola contra, desaconséllase a utilización de plicoran, xa que o reabrollamento vai ser máis robusto. No caso de non querer podar as árbores, pódese realizar unha incisión circular na cortiza e aplicar alí o herbicida.
Control biolóxico
Aínda que na actualidade non exista ningún plan de control biolóxico en desenvolvemento, é un campo que cómpre explorar, ante as moitas posibilidades que presenta.
Megacyllene robinae é un cerambícido tradeador da cortiza de R. pseudoacacia que habitualmente transmite tamén o fungo Phillinus rimosus (syn. Fomes rimosus), causante do podrecemento da raíz. Os adultos depositan os ovos na cortiza de Robinia. Na primavera as larvas, ao eclosionaren, perforan a madeira, o que debilita a árbore e induce a infección por fungos.
Odontota dorsalis é o minador da folla de R. pseudoacacia. Este insecto deposita os ovos nas follas da árbore, e as larvas, ao eclosionaren, aliméntanse dela perforándoas. En contadas ocasións chega a causar a morte da árbore, pero, pola contra, si que reduce fortemente o seu crecemento.
Outras especies que causan graves danos son Thelia bimaculata, un homóptero pertencente á familia Membracidae, e o fungo Colletotrichum gloeosporioides, causante de antracnose en Robinia.
Bibliografía
Soñora, 1991: 110; Solecki, 1997; Heim, 2000.

Nome común
Falsa acacia
Nome científico
Robinia pseudoacacia
Clase
Plantas superiores
Familia
Leguminosae
