Descrición
Especie de talle medio que non pasa, normalmente, de 50 cm. Pode chegar a alcanzar os 7 kg de peso. O dorso é dunha cor verde olivácea e o ventre é claro, presentando un punteado que se estende ata a aleta dorsal, máis denso e máis fino que o da troita común (Salmo trutta). Nos costados posúe unha banda de cor rosada.
Reprodución
A femia fai un niño no leito do río, onde desova e posteriormente o macho fecunda os ovos, que logo son cubertos de grava e inmediatamente abandonados.
Alimentación
Similar á da troita común: larvas de invertebrados acuáticos e mesmo peixes e troitas de pequeno tamaño.
Hábitat
Habita preferentemente en torrentes de augas frías e moi oxixenadas. Aínda que algúns exemplares poden migrar a lagos ou ao mar, retornan ao seu regueiro de orixe para desovar.
Distribución
Non é moi abundante. A pesar do estendido do seu uso na repoboación dos ríos galegos tempo atrás, parece que non se adaptou ben á vida neles. Actualmente existen poboacións deste salmónido sobre todo en ríos onde hai piscifactorías, xa que escapan moitas durante os desbordamentos. Así, pódense atopar nos ríos Eo, Ouro, Landro, Xubia, Anllóns, Deza, Umia e no Lor.

Ficha (27 Kb)
Nome común
Troita arco-iris
Nome científico
Oncorhynchus mykiss
Clase
Peixes e Agnatos
Familia
Salmonidae
