Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Tenca (Tinca tinca)

Descrición

Especie de talle medio que pode alcanzar os 85 cm de lonxitude e os 7,5 kg de peso. Presenta un corpo alongado de coloración verdosa que pode variar en función de onde viva. Ten un par de barbelas nas comisuras labiais. As súas escamas son moi pequenas e están recubertas dunha grosa epiderme mucosa (segrega moito moco).

Reprodución

O seu período de reprodución ten lugar entre maio e agosto. A femia deposita unha media de 300.000 ovos sobre plantas acuáticas mergulladas, ou directamente sobre o leito do río.

Alimentación

Trátase dunha especie omnívora, aínda que, principalmente, aliméntase de insectos e outros invertebrados que atopa no fondo de charcas ou ríos. Tamén pode consumir algas e macrófitos acuáticos.

Hábitat

Selecciona preferentemente charcas, lagos e ríos de baixa velocidade da corrente, con abundante vexetación e fondos brandos. Pero a pesar diso, nalgúns ríos aparece en zonas con fondos de pedra e vexetación escasa, se ben nestes casos selecciona pozos ou zonas de carácter léntico. Tolera baixas concentracións de oxíxeno disolto na auga.

Distribución

En España non se sabe con certeza se é unha especie autóctona ou foi introducida artificialmente. Neste traballo considérase autóctona xa que existen datos da súa presenza en depósitos arqueolóxicos da idade de bronce. En España foi citada nas cuncas dos ríos Ter, Tordera, Llobregat, Júcar, Ebro, Texo, Guadiana, Guadalquivir e Douro.

En xeral parece unha especie pouco común nos ríos galegos. Está presente, polo menos, no Ulla e no Umia, sendo abundante nos encoros de Castrelo e Velle.

Ficha (27 Kb)

Nome común
Tenca
Nome científico
Tinca tinca
Clase
Peixes e Agnatos
Familia
Cyprinidae


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS