Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Piscardo (Phoxinus phoxinus)

Descrición

Ciprínido de pequeno tamaño que raramente alcanza os 14 cm de lonxitude total. Corpo redondeado cunha cabeza curta e ancha. As aletas son curtas; a dorsal e a anal teñen entre 7-8 raios ramificados. As escamas son moi pequenas, variando o seu número entre 80 e 90 na liña lonxitudinal media. A coloración é variable e adoita presentar manchas escuras que se dispoñen transversalmente. Os machos en época de cría adquiren unha coloración avermellada na base das aletas (agás a dorsal) e no ventre, e unha cor negra na garganta.

Reprodución

En Europa meridional o período reprodutivo vai de abril a xuño, momento en que realizan desprazamentos migratorios cara ao curso alto dos ríos. A posta ten lugar xeralmente sobre un substrato de grava, aínda que ás veces aparece adherida á vexetación. Deposítanse entre 200 e 1.000 ovos. Os machos e as femias son sexualmente maduros entre o primeiro e o segundo ano de vida, cando alcanzan unha lonxitude total duns 5 cm.

Chega a formar grandes bancos, que no período reprodutivo poden estar formados unicamente por machos, iniciándose o apareamento cando as femias pasan a formar parte do grupo.

Alimentación

Omnívoro. Principalmente aliméntase de insectos do macrobentos continental (larvas de artrópodos, moluscos, anélidos), ben que incorporan á súa dieta elementos do plancto e mesmo pequenos alevíns.

Hábitat

Ocupa os cursos de auga en todo o seu percorrido, salvo os tramos máis altos das cabeceiras, atopando o seu óptimo ecolóxico nos cursos medios-altos de ríos de pequena entidade con augas limpas, frescas e fondos pedregosos.

Distribución

Segundo os datos facilitados polo Ministerio de Medio Ambiente, en España a especie vive nas cuncas dos ríos Agüera, Asón, Besaya, Besós, Bidasoa, Cares-Deva, Deba, Douro, Ebro, Leizarán, Miera, Muga, Nansa, Nive, Oria, Pas, Saja, Ter, Tordera, Urola e Urumea. Trátase dunha especie autóctona en Asturias e Cantabria, que foi introducida en Galicia polo menos na cunca do río Navia (Lugo).

Ficha (27 Kb)

Nome común
Piscardo
Nome científico
Phoxinus phoxinus
Clase
Peixes e Agnatos
Familia
Cyprinidae


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS