Descrición
Perenquén de pequeno talle de cor gris apardazada, corpo esvelto e cabeza triangular, cunha banda lonxitudinal clara ao longo do dorso. Ollos de cor gris azulada clara e dedos relativamente estreitos.
Reprodución
Pouco coñecida. En catividade realizan 4-5 postas ao ano de 1-2 ovos cada unha. A duración do período de incubación varía en función da temperatura. O sexo do embrión tamén depende da temperatura de incubación.
Alimentación
Non existen estudos sobre a dieta. En catividade aliméntase de artrópodos.
Hábitat
Vive debaixo das pedras en todo tipo de hábitats. Abunda en zonas costeiras, facéndose máis raro coa altitude.
Distribución
Endemismo das Illas Canarias de introdución recente na península Ibérica. Ata a década pasada non existían evidencias da existencia desta especie en Galicia, pero foi entón cando se atoparon algúns exemplares en Ourense, Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña. Interprétase que chegaron en cargamentos de plátanos. Dado o achado de exemplares neonatos, suponse a reprodución en Galicia destas poboacións introducidas.

Ficha (27 Kb)
Nome común
Perenquén de Boettger
Nome científico
Tarentola boettgeri
Clase
Réptiles
Familia
Gekkonidae
