Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Perca americana (Micropterus salmoides)

Descrición

Peixe de aspecto compacto, algo comprimido lateralmente, cunha boca grande. Os adultos alcanzan entre 20 e 55 cm de lonxitude total, son de cor verde escura, olivácea, parda ou agrisada polo dorso e abrancazada pola superficie ventral. A base da aleta dorsal é negra e mostra unha banda escura irregular nos flancos que vai desaparecendo coa idade.

Reprodución

Ten lugar na primavera e principios do verán. O macho adulto realiza unha depresión no substrato, onde coida a posta, resultado da desova de varias femias. A cantidade de ovos que pon a femia é variable, podendo chegar aos 10.000.

Alimentación

Peixe carnívoro e voraz. Cando é xuvenil aliméntase basicamente de crustáceos e insectos, pero cando aumenta de tamaño, incorpora á súa dieta vertebrados, principalmente peixes e crustáceos, anfibios, serpes, ratos e mesmo ratas.

Trátase dunha especie perigosa, xa que se alimenta vorazmente dos ovos de troita, decimando os frezadoiros desta especie. Os peixes pequenos e os cangrexos son dúas das súas presas predilectas, polo que a expansión do cangrexo de río americano podería estar a favorecer, así mesmo, a proliferación deste peixe nos nosos ríos e encoros.

Nesta especie tamén se dá o fenómeno do canibalismo.

Hábitat

É unha especie sedentaria. Gústanlle os hábitats de augas estancadas ou de corrente débil, con fondos brandos e abundante vexetación subacuática (encoros, lagos, remansos de ríos, terreos pantanosos, etc.).

Distribución

Orixinaria de Norteamérica. Parece que en España foi introducida para a pesca deportiva no ano 1955. En Galicia está presente en moitos encoros, entre eles o de Santo Estevo, Vao, As Portas, Edrada e Leboreiro, entre outros.

Ficha (27 Kb)

Nome común
Perca americana
Nome científico
Micropterus salmoides
Clase
Peixes e Agnatos
Familia
Centrarchidae


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS