Descrición
Ciprínido de pequeno tamaño, que raramente supera os 15 mm de lonxitude. O seu ventre aplanado, dorso convexo e a súa boca ínfera reflicten a súa condición de peixe de fondo. A diferenza do barbo, con dous pares de barbelas bucais, o gobio presenta só un par. O dorso é escuro, presentando a rexión dos flancos unha liña constituída por manchas redondeadas e de cor azulada sobre un fondo máis claro. A aleta dorsal e aleta caudal, fortemente escotada, están irregularmente punteadas.
Reprodución
A época de cría empeza a finais da primavera e durante o verán, período no cal a especie, de carácter sedentario, realiza algúns desprazamentos de curta distancia. Para reproducirse necesita un substrato limpo, areento ou de grava (non recuberto por sedimentos), cunha corrente de velocidade moderada. Nunha tempada cada femia, dependendo da idade, pon entre 3.000 e 7.000 ovos.
Alimentación
Peixe de alimentación omnívora. Con axuda das súas barbelas captura macroinvertebrados bentónicos como larvas de insectos, crustáceos e moluscos.
Hábitat
Peixe típico do curso medio dos ríos, onde as correntes de auga son máis ou menos rápidas. Non obstante, os individuos adultos poden atoparse en fondos limosos e tamén en ambientes máis lénticos, ben que necesitan a existencia nas proximidades de lugares aptos para a súa reprodución.
Distribución
En España distribúese de forma natural polas cuncas dos ríos Ebro e Bidasoa. No resto foi introducida no século pasado, aclimatándose perfectamente e expandíndose rapidamente por numerosos cursos fluviais. Na actualidade distribúese polas cuncas do Ebro, Júcar, Turia, Guadalquivir, Guadiana, Segura, Texo, Douro e Bidasoa.
En Galicia trátase dunha especie moi escasa, e segundo o Inventario piscícola dos ríos galegos, está presente nos ríos Tea (Pontevedra), Bibei (Ourense, Lugo) e Lor (Lugo).
