Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Gambusia (Gambusia holbrooki)

Descrición

Especie de pequeno tamaño (5-6 cm) que se caracteriza por ter a boca provista de dentes na parte superior. A aleta dorsal está relativamente atrasada con respecto ás anais. Acusado dimorfismo sexual, sendo as femias maiores que os machos. Algúns raios da aleta anal dos machos están modificados para formaren un aparato copulador.

Reprodución

Ten reprodución de tipo ovovivíparo, sendo capaz de albergar ata 100 embrións no interior dunha soa femia, os alevíns desenvólvense rapidamente, así as femias nacidas en maio poden reproducirse catro meses despois do seu nacemento.

Alimentación

Aliméntase de insectos de todo tipo e das súas larvas.

Hábitat

En xeral, habita augas lentas de escasa profundidade e con abundante vexetación, sendo capaz de colonizar ambientes moi dispares, como pozos, foxas, pantanos, e tamén augas salobres. Soporta ben a alta contaminación orgánica e térmica e a existencia de baixas concentracións de oxíxeno disolto.

Distribución

Introduciuse nos ríos galegos para combater o paludismo por ser grande devorador de larvas de mosquito; de feito, esta especie tamén recibe o nome de peixe mosquiteiro. Hoxe en día desapareceu practicamente das nosas augas continentais, malia subsistir nalgunhas zonas da provincia da Coruña, como o encoro de Rosadoiro, en Arteixo, e a lagoa de Doniños, en Ferrol.

Ficha (27 Kb)

Nome común
Gambusia
Nome científico
Gambusia holbrooki
Clase
Peixes e Agnatos
Familia
Poeciliidae


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS