Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Carpa (Cyprinus carpio)

Descrición

Especie de grandes dimensións que pode chegar ao metro de lonxitude e aos 30 kg de peso. Corpo robusto e lixeiramente curvado no ventre, está cuberto por escamas grosas. Unha característica deste tipo de peixes é a súa aleta dorsal e anal con espiña serrada na parte anterior; a súa coloración é verdosa oliva no dorso e ten o ventre branco-amarelado.

Reprodución

A época de cría empeza na primavera e remata a principios do verán. Prefiren para desovar augas pouco profundas cunha densa cuberta vexetal. Os ovos quedan fixados ao substrato ata que eclosionan. O tempo que tardan en eclosionar está relacionado coa temperatura da auga. Unha femia chega a depositar ata 300.000 ovos.

Alimentación

Son peixes omnívoros que consomen restos vexetais, insectos, crustáceos e alevíns de todo tipo de peixes; ademais, gústanlles moito os invertebrados bentónicos.

Hábitat

Prefire augas de curso lento ou estancadas, con fondos limosos e cunha temperatura morna ou cálida (14-35 ºC), sendo moi resistente á escaseza de oxíxeno e á contaminación das augas. Cando a temperatura da auga descende por debaixo dos 15 ºC, reduce a súa actividade, e por debaixo dos 10 ºC escóndese baixo o lama do fondo.

Distribución

Orixinaria de Asia Central e o leste de Europa, estendeuse de forma natural ou por introdución antropoxénica en países de todo o mundo. Na península Ibérica é actualmente moi abundante nos encoros, lagos e tramos medios e baixos dos ríos. Menos abundante no NO peninsular, aínda que en Galicia está presente en practicamente todos os encoros.

Ficha (27 Kb)

Nome común
Carpa
Nome científico
Cyprinus carpio
Clase
Peixes e Agnatos
Familia
Cyprinidae


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS