Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Biodiversidade >> Especies >> Especies extintas
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Que é unha extinción e cando unha especie pode considerarse extinta?

En bioloxía e ecoloxía, a extinción é a desaparición dunha especie ou grupo de especies. Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), unha especie pode considerarse EXTINTA (EX) cando non queda ningunha dúbida razoable de que o último individuo existente morreu. Considérase que unha especie está EXTINTA EN ESTADO SILVESTRE (EW) cando só sobrevive en cultivo, en catividade ou como poboación (ou poboacións) naturalizadas completamente fóra da súa distribución orixinal. Presúmese que un taxon está extinto ou extinto en estado silvestre cando prospeccións exhaustivas dos seus hábitats, coñecidos e/ou esperados, nos momentos apropiados (diarios, estacionais, anuais), e ao longo da súa área de distribución histórica, non puideron detectar un só individuo. As prospeccións deberán ser realizadas en períodos de tempo apropiados ao ciclo de vida e formas de vida do taxon.

Pero ao falar de extinción non estamos dicindo que todos os individuos dunha determinada especie morresen. Existen niveis de extinción (extinción a escala local, nacional, rexional ou mundial). As extincións globais (mundiais) teñen lugar cando efectivamente se produce a desaparición da especie en todo o planeta. Un exemplo disto teriámolo na desaparición dunha especie exclusiva dunha determinada rexión bioxeográfica (por exemplo unha especie endémica): se desaparece desta rexión, desaparece do planeta enteiro. Neste sentido, en Galicia existen varias especies que son exclusivas do noso territorio (do ámbito noroccidental ibérico) e cuxa desaparición constituiría unha perda a escala mundial (por exemplo as plantas Omphalodes littoralis subsp. gallaecica, Centaurea borjae ou a píntega rabilonga, Chioglossa lusitanica). Pero as extincións tamén poden suceder a menor escala. Unha extinción local, nacional ou rexional prodúcese cando a especie desaparece dunha determinada área xeográfica de maior ou menor amplitude; a especie non desaparece por completo, posto que a pesar de desaparecer desa rexión quedan aínda poboacións dela noutro lugar do planeta. En Galicia poderiamos falar da extinta gaivina negra (Chlidonias niger), distribuída por boa parte da costa europea e que antigamente nidificaba na desecada lagoa de Antela (Ourense), ou incluso o lince ibérico (Lynx pardina), cuxa poboación chegaba antano ao norte da península, incluída Galicia.

Unhas especies son máis proclives que outras á extinción

O grao de susceptibilidade á extinción vén dado por diferentes causas, entre outras cousas por tratarse de organismos caracterizados pola súa escaseza nun territorio dado, por estar no límite extremo da súa distribución xeográfica, por ter estratexias reprodutivas moi específicas ou ben por desenvolverse en hábitats moi concretos e localizados susceptibles de alteración ou destrución, non só por acción do ser humano, senón tamén por motivos “naturais”.

A susceptibilidade ou vulnerabilidade das especies á extinción varía en función da súa estratexia de vida. Os organismos especialistas con baixa plasticidade ecolóxica, con poboacións constituídas por poucos efectivos e que ademais son estrategas do k (ciclos de vida longos, desenvolvemento lento, competencia ínter e intraespecífica moi alta, descendencia pouco numerosa, etc.), son máis susceptibles aos factores de ameaza que se cernen sobre elas. Polo contrario, as especies xeralistas e estrategos do r, cun elevado potencial biótico (descendencia numerosa, adaptadas a variacións ambientais frecuentes e impredicibles, rápido desenvolvemento, oportunistas, adaptadas a colonizar medios virxes ou inestables), son máis resistentes a alteracións do medio en que viven, debido basicamente á súa rápida capacidade de reacción e plasticidade ecolóxica. Neste sentido, as especies endémicas de área reducida e altamente adaptadas a determinadas condicións ambientais (bióticas e/ou abióticas) e que ademais presentan un baixo ou moi baixo número de efectivos poboacionais son especialmente sensibles aos procesos de extinción. Son tamén sensibles aquelas poboacións con área de distribución disxunta ou que viven en ambientes insulares, factores que afectan a variabilidade xenética interpoboacional, así como aquelas poboacións que se encontran nos límites da súa distribución natural. Nas especies que se reproducen sexualmente, a extinción é xeralmente inevitable cando só queda un individuo da especie ou unicamente individuos do mesmo sexo, tal e como parece que sucedeu coa pita do monte cantábrica (Tetrao urogallus cantabricus) na nosa comunidade.

Principais causas da extinción de especies

A extinción de especies é un fenómeno natural que ocorreu desde o inicio da evolución da vida no planeta. Realizáronse estimacións do tempo medio que transcorre entre a orixe e a extinción dunha especie e, dependendo do grupo taxonómico, estas calcúlanse entre 0,5 e 13 millóns de anos, cunha media de 5-10 millóns de anos. Porén, a taxa de desaparición á que se enfrontan actualmente as especies é cada vez maior, sobre todo a causa das actividades humanas. Como dato revelador, estímase que aproximadamente 47 especies de flora ou fauna desaparecen do noso planeta cada día. Este dramático e infalible proceso non só provoca a perda irreversible de diversidade biolóxica, senón que frea procesos de benestar en temas de saúde, alimentación e enerxía.

Por tanto, o home é o responsable directo da desaparición de moitas destas especies. Nos últimos quiñentos anos a actividade humana causou a extinción de 816 especies. Só desde o século XVIII desapareceron 103 especies, unha cifra cincuenta veces superior ao seu ritmo natural de extinción. Segundo a Unión Mundial para a Natureza (UICN), unha de cada dez aves e o 25% dos mamíferos figuran na lista vermella de especies ameazadas de desaparición, mentres que dous terzos doutras especies tamén constan baixo a epígrafe de en perigo. A extinción de animais acelerouse nos últimos 200 anos como consecuencia directa ou indirecta do crecemento da poboación humana, o estrago dos recursos naturais e os cambios asociados ao medio ambiente, en especial pérdida de hábitat, impacto das especies invasoras e contaminación. Trátase, desafortunadamente, dun fenómeno máis grave do previsto anos atrás polos conservacionistas.

Unha extinción pode darse pola acción prolongada no tempo dalgún ou varios destes factores actuando en sinerxía; pero, ás veces, unha extinción pode derivar dunha catástrofe puntual de proporcións devastadoras. Por exemplo, pode darse o caso de que unha especie teña unha poboación moi localizada nun lugar concreto e que ademais conte con poucos efectivos. Trátase por tanto dunha situación especialmente delicada, tal e como se comentou no apartado anterior, posto que de ter lugar unha catástrofe no lugar onde vive este taxon podería darse unha extinción (por exemplo unha poboación dunha planta ligada a un determinado substrato edáfico que sofre as consecuencias dunha explotación mineira sen previo proxecto de avaliación dos recursos biolóxicos presentes na área ou ben unha poboación única que vive nun tramo de costa e que se ve fatalmente afectada por un derramo de petróleo).

Algúns exemplos de especies presentes en Galicia cuxas poboacións se consideran extintas

A continuación amósanse algúns exemplos de taxóns que están ou poderían estar extintos a nivel local en Galicia. No Catálogo Galego de Especies Ameazadas aínda poden figurar algunhas destas especies. A razón é que se ben na actualidade non se dispón de información recente da súa presencia, para descartar que queden individuos no medio natural fanse necesarias prospeccións realizadas en períodos de tempo apropiados ao ciclo e formas de vida da especie.

Flora

  • Rhynchospora fusca. Segundo todas as evidencias, este taxon atópase en franca regresión, posto que non se volveron encontrar 3 dos seus 6 núcleos ibéricos coñecidos, concretamente os de Galicia, Asturias e Gipuzkoa. A principal causa do seu declive é a alteración e destrución do seu hábitat. Vive en turbeiras, mananciais e esfagnais, ambientes todos eles moi sensibles á alteración (drenaxe, pisaduras, eutrofización, etc.). Ademais, selecciona lugares especialmente encharcados dentro da zona húmida, o que reflicte unha grande especificidade e baixa plasticidade ecolóxica.
  • Rhynchospora modesti-lucennoi. Especie que se distribúe polo suroeste da península Ibérica (Cádiz e Huelva) e noroeste de África (Alxeria e Marrocos). Vive en solos higroturbosos pertencentes á asociación Caricetum pseudocypero-lusitanicae. A poboación de Pontevedra (Gándaras de Budiño) parece estar actualmente extinta debido ao desecamento da turbeira en que vivía. A maior ameaza para esta especie é, como para todas as das zonas húmidas, o desecamento do seu hábitat, ben por descenso da capa freática, ben polo cambio do curso de auga. Ademais, parece que a proliferación doutras plantas como Molinia caerulea, tamén propia de zonas húmidas, non favorece o desenvolvemento de R. modesti-lucennoi.
  • Christella dentata. Trátase dun fieito tropical e subtropical que na península Ibérica se encontra en franca regresión e corre o risco de extinguirse pronto. A poboación que se coñecía da provincia de Ourense parece que desapareceu, e prevese a extinción a curto prazo da poboación andaluza (Cádiz). Canarias (rexión macaronésica) conta tan só con oito poboacións, algunha delas máis ou menos viables para o seu mantemento. A principal ameaza con que se enfronta esta especie é a transformación do seu hábitat por drenaxe, pisaduras, utilización de herbicidas, gandaría, introdución de especies invasoras, etc.

 

Fauna vertebrada

  • Lince ibérico (Lynx pardina). Trátase dunha especie que desapareceu de Galicia, se ben nunca foi abundante na nosa Comunidade. Os últimos rexistros desta especie na nosa Comunidade Autónoma son do leste e sur da provincia de Ourense.

  • Gaivina negra (Chlidonias niger). Os efectivos reprodutores desta especie en España diminuíron acusadamente durante os últimos anos. En Galicia existiu unha poboación nidificante na desecada lagoa de Antela (Ourense), pero a destrución do hábitat e as molestias ocasionadas en época de cría causaron a súa desaparición.

  • Pita do monte cantábrica (Tetrao urogallus cantabricus). A pita do monte cantábrica nidificaba tradicionalmente na nosa montaña oriental (Os Ancares), de onde podería ter desaparecido.  A transformación e fragmentación do seu hábitat, o cambio climático e o furtivismo, foron e seguen sendo as súas principais ameazas.

  • Cabra montés galega ou cabra montés portuguesa (Capra pyrenaica lusitanica).Esta subespecie de cabra montés autóctona de Galicia, norte de Portugal, Asturias e Cantabria occidental extinguiuse a finais do século XIX. A súa desaparición debeuse, ao parecer, á destrución e perda do seu hábitat e á caza indiscriminada. Na actualidade existe en marcha un plan de reintrodución dunha subespecie moi similar á cabra montés galega ou portuguesa, a Capra pyrenaica victoriae. Os exemplares utilizados para a cría en catividade e posterior reintrodución no medio natural proceden da Serra de Gredos, e na actualidade xa poden verse individuos en liberdade nos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés e Montes do Invernadoiro.

  • Esturión (Acipenser sturio). Trátase dunha extinción en período histórico. Actualmente está desaparecida a poboación que antano poboou o río Miño no que era tan abundante neste río que a súa carne se chegou a utilizar como fertilizante e os seus ovos como alimento para porcos. A alteración do seu hábitat por medio da regulación dos álveos, a diminución dos caudais, a construción de presas, a contaminación e a extracción de áridos nas zonas de freza, foron as principais causas de extinción da especie, así como as capturas accidentais e/ou pesca de individuos para a extracción dos ovos.

© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS