Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Toxo (Ulex europaeus)

Hábitat

Trátase da especie de matogueira espiñenta máis representativa e abundante no noso país. Especie silicícola que vive tanto en zonas costeiras coma en áreas de interior. Necesita humidade e un termoclima morno. En acantilados costeiros aparece a subespecie latebracteatus, endémica de Galicia e norte de Portugal.

Función

O toxo ofrécelle acubillo e refuxio a un elevado número de paseriformes, que atopan nas toxeiras un hábitat seguro para nidificar. Ademais, posto que en moitos casos constitúe un hábitat inaccesible para os depredadores, é frecuentemente utilizado por pequenos e medianos mamíferos para refuxiarse e reproducirse (roedores, coellos...).

Como o resto de leguminosas, exerce un importante papel na incorporación de nitróxeno ao chan, aumentando a súa fertilidade.

É unha das especies que intervén no proceso de sucesión ecolóxica, substituíndo o bosque cando este experimenta algún tipo de alteración, como incendios ou cortas.

O toxo foi unha planta de suma importancia na economía do rural galego, xa que se utilizaba como cama para o gando e, máis tarde, como fertilizante para os cultivos. Hoxe en día esta actividade apenas se practica. Ademais, da planta extráese un aceite cuxas propiedades o fan apto para ser utilizado como combustible.

Polo tanto, o toxo exerce unha importante función estrutural, como lugar de refuxio para a fauna, e funcional, intervindo no ciclo de nutrientes esenciais e na dinámica da vexetación. Ademais, presenta evidentes beneficios para o ser humano, tendo tamén un marcado valor estético e cultural no noso país.

Ficha (31 Kb)

Nome común
Toxo
Nome científico
Ulex europaeus
Clase
Plantas superiores
Familia
Leguminosae


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS