Hábitat
Vive en rochedos do horizonte mesolitoral medio en sectores expostos á acción do mar. Fíxase ás rochas por medio das fibras do biso, sendo un dos poucos bivalvos que se agarra aos substratos duros, posto que a maioría están especializados en explotar os recursos presentes nos substratos brandos (areas, lamas, etc.).
Función
Sobre a cuncha do mexillón vive unha abundante epifauna entre a que destacan os hidroideos, cirrípedes, equinodermos, anélidos, poliquetos, etc. Na rede que forman as fibras que utiliza para fixarse ao substrato viven multitude de pequenos organismos, como o nemertino Lineus longuissimus, bivalvos como Lasaea rubra e Hiatella arctica. Constitúen ademais a fonte nutricia do gasterópodo nucela (Nucella lapidus), que perfora a cuncha do mexillón para succionar a súa carne.
Polo tanto, o mexillón constitúe unha importante especie no litoral, ofrecendo refuxio e alimento a moitos organismos.

Ficha (31 Kb)
Nome común
Mexillón
Nome científico
Mytilus galloprovincialis
Clase
Moluscos
Familia
Mitilidae
