Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Carballo e cerquiño (Quercus robur e Quercus pyrenaica)

Hábitat

O carballo (Quercus robur) está presente nos pisos colino e montano en ombroclima subhúmido a hiperhúmido, aínda que necesita certa cantidade de chuvia e humidade, tanto atmosférica como edáfica, durante o verán. Crece sobre chans profundos, frescos e soltos, tanto ácidos como básicos, desde o nivel do mar á montaña (1.400-1.500 m). É a especie que constitúe o bosque potencial de Galicia: as "carballeiras".


O cerquiño (Q. pyrenaica) ten o seu hábitat óptimo no dominio bioclimático submediterráneo subhúmido, soportando ben certo período de seca estival. Aínda que aparece a nivel do mar, é unha especie de carácter continental, polo que resulta moito máis frecuente en áreas de interior de media-alta montaña, sobre chans profundos, soltos e de natureza silícea (salvo raras excepcións nas que aparece sobre calcarias) e en zonas con certa mediterraneidade (vive en ambientes máis xéricos que o seu conxénere o carballo).

Función

O valor ecolóxico destas especies nos ecosistemas naturais é indubidable, xa que constitúen o ambiente necesario para a vida de numerosos organismos. Os bosques conformados por estas fagáceas ofrecen refuxio e alimento a numerosos paseriformes forestais, como ferreiriños, tordos, papuxas, picafollas, carrizas, gabeadores, etc., e a unha boa cantidade de mamíferos, entre os que destacan os mustélidos como a marta (Martes martes), os vivérridos como a xeneta (Genetta genetta), o gato bravo (Felis silvestris), os pequenos roedores (Apodemus sylvaticus, A. flavicollis, Elyomus quercinus) e as furafollas. Son numerosas as especies de plantas herbáceas nemorais, que atopan aquí a humidade e a sombra que necesitan para o seu desenvolvemento. E non hai que esquecer aos fungos, un grupo de organismos moi abundante neste tipo de medios e que interveñen activamente na descomposición da materia orgánica e a ciclaxe de nutrientes.

Tanto o carballo como o cerquiño achegan materia orgánica ao ecosistema grazas á descomposición das follas e as súas ponlas.

Trátase, polo tanto, de medios moi diversos de elevado valor ambiental, lugares que sustentan a vida de numerosos organismos e onde teñen lugar multitude de procesos ecolóxicos.

Ficha (31 Kb)

Nome común
Carballo e cerquiño
Nome científico
Quercus robur e Quercus pyrenaica
Clase
Plantas superiores
Familia
Fagaceae


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS