Hábitat
O ameneiro (Alnus glutinosa) é unha árbore edafohigrófila que crece sobre chans fértiles e de natureza silícea. Constitúe unha das principais especies integrantes dos bosques galería que se encontran nas beiras dos ríos, constituíndo en moitos casos formacións monoespecíficas. A fisionomía destes bosques vén determinada, en moitas ocasións, polo uso silvícola realizado sobre eles. Ao ameneiro tamén o podemos atopar formando parte, xunto co Salgueiro Salix atrocinerea, dos denominados bosques pantanosos holárticos, pertencentes á asociación Carici lusitanicae - Alnetum glutinosae, que en Galicia se distribúe principalmente polo sector galaico-asturiano. O ameneiro, en Galicia, podémolo atopar desde o nivel do mar ata os 1.000 metros de altitude.
Función
Sen dúbida, o ameneiro é unha das especies clave máis importante dos ambientes riparios. Entre algunha das súas funcións destacan (i) a conservación das ribeiras de ríos e lagos grazas á súa capacidade de fixación das marxes; (ii) constitúe un importante refuxio para determinados micromamíferos (Neomys anomalus, Arvicola sapidus, Galemys pyrenaicus), que constrúen as súas galerías entre as súas raíces; (iii) a descomposición dos seus restos mellora as propiedades do chan (estrutura e composición química), ademais de servir como refuxio de moitos macroinvertebrados bentónicos; (iv) intervén de xeito decisivo na regulación da temperatura da auga (termorregulación) e (v) participan na achega de enerxía ao sistema por medio dos restos que se desprenden da árbore e caen á auga.
Ademais de toda esta batería de funcións naturais, o ameneiro tamén foi utilizado polo ser humano na repoboación e recuperación de terreos pobres e zonas húmidas, como poden ser as turbeiras degradadas por actividades antrópicas (canteiras, apertura de pistas, incendios...).

Ficha (31 Kb)
Nome común
Ameneiro
Nome científico
Alnus glutinosa
Clase
Plantas superiores
Familia
Betulceae
