Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Santolina melidensis (Santolina melidensis)

Descrición

Arbusto prostrado de ata 30 cm, con capítulos de flores amarelas. Talos vexetativos de leve pilosidade. Follas dimórficas, as adultas lobuladas e as xuvenís pinnatífidas.

Demografía

Aínda que a taxa de mortalidade é moi elevada na fase de establecemento das plántulas, a dinámica natural da poboación indica que unha alta porcentaxe dos individuos vexetativos se corresponde con xuvenís, polo que a poboación podería permanecer estable nos próximos años. 

Hábitat

Desenvólvese en solos de escasa fertilidade, relacionada coa abundancia de magnesio e o elevado contido en elementos tóxicos. Ademais, tamén coloniza solos removidos, como noiros de camiños ou canteiras.

Distribución

Endémica de Galicia. A súa única poboación coñecida localízase no límite entre as provincias da Coruña e Lugo (Santiso e Palas de Rei), dentro do LIC Serra do Careón. Citada en Basadre (Pontevedra), aínda que non foi localizada en prospeccións recentes.

Estado de conservación

A principal ameaza é a transformación do seu hábitat. Estanse transformando os seus hábitats en eucaliptais e prados. A transformación en prados é unha actividade moi agresiva para a especie, xa que incrementa a profundidade do solo, perdéndose con iso a natureza esquelética dos solos necesaria para o seu desenvolvemento.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Ficha (34 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS