Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Lagartixa leonesa (Iberolacerta galani)

Descrición

Especie grande que pode chegar ata 80 mm, con patas anteriores e posteriores curtas. O seu corpo está composto de numerosos ocelos axilares azuis cuxo número e tamaño incrementan coa idade. Dorso dos machos en período de celo de verde a gris verdoso, con banda vertebral irregular (máis ou menos aliñada en dúas fileiras xustapostas de puntos), ben desenvolvida e finamente disgregada unida ás bandas costais, o que lle dá ao animal un aspecto reticulado. Fóra da época de celo, a cor da especie é lixeiramente máis escura, co ventre verde pastel, branco-verdoso cara os límites da área gular. As femias presentan o dorso de cor verde pálida a verde agrisada nos exemplares adultos, con apencado irregular no centro, que pode aliñarse ao longo do dorso en dúas fileiras ou estenderse a todo o ancho. O ventre nas femias é verde amarelado e presentan ocelos azuis como os machos, aínda que menos abundantes e máis pequenos. Deseño moito menos manchado que nos machos.

Os exemplares acabados de nacer presentan unha rechamante cor azul na cola.

Reprodución

Practicamente descoñecida. Observáronse postas de 4-5 ovos. Período de eclosións en agosto.

Hábitat

Habita zonas supraforestais que se caracterizan por un clima de alta montaña e que se inclúen nos pisos climáticos oromediterráneo e crioromediterráneo.

Distribución

Especie endémica dos Montes de León (noroeste da península Ibérica): Sierra Segundera, Sierra de la Cabrera, Serra do Eixo ou de Pena Trevinca e Serra do Teleno, entre as provincias de León, Zamora e Ourense, onde pode encontrarse de 1000 a 2000 m, pero probablemente tamén a altitudes maiores.

Estado de conservación

Datos insuficientes. En Sanabria é abundante. No Teleno as poboacións poderían estar ameazadas polo turismo e as súas infraestruturas, como a reactivación ou ampliación de estacións de esquí. As carreiras ciclistas tamén supoñen unha intensa pisadura das gabias por parte do público durante dous días no período de actividade da especie. As explotacións de lousa e outras actividades da zona poderían ter efectos negativos para a especie. De todas as formas, cómpre unha avaliación pormenorizada da situación da especie.

Categoría de conservación

Vulnerábel.

Ficha (33 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS