Descrición
Planta monoica, herbácea, perenne, de talo erguido de ata 80 cm. Follas ovado-lanceoladas. Inflorescencia glandular e pilosa. Corola con pétalos soldados, sen esporón, de cor púrpura rosada, con mancha amarela.
Os principais polinizadores son himenópteros e lepidópteros.
Demografía
Nesta especie, os individuos aparecen en pequenos grupos dispersos ao longo das praias, polo que a área de ocupación real é difícil de calcular. As principais poboacións da especie localízanse en Ferrol e Valdoviño. Nos últimos anos produciuse unha diminución do número de exemplares debido á construción de pistas.
Hábitat
Crece principalmente en sistemas dunares, aínda que secundariamente tamén se encontra en acantilados.
Distribución
Endemismo occidental ibérico. As poboacións galegas localízanse no norte da provincia da Coruña, desde Ferrol ata Cedeira, e están incluídas no LIC Costa Ártabra.
Estado de conservación
A principal ameaza é a perda de calidade do hábitat. O acondicionamento que se está levando a cabo en moitas zonas de praia, mediante a construción de paseos, aparcadoiros, zonas de recreo, etc., representan unha ameaza potencial para esta especie. Un exemplo disto é o acontecido nas poboacións de Ferrol. Outros factores importantes son as motos tipo quad.
Categoría de conservación
En perigo de extinción.

Ficha (39 Kb)
