Descrición
Planta levemente pilosa. Talo simple de ata 85 cm. Follas basais e caulinares pinnatisectas de bordo lobado-sinuado, con tricomas nas nerviacións pero de aspecto levemente piloso. Inflorescencia formada por un conxunto de flores simples que nacen xuntas e apertadas nun receptáculo común. Capítulos solitarios. Brácteas involucrais medias e externas ovadas, glabras ou glabrescentes na súa superficie, lanixinosas nas marxes, co ápice tinguido de estrías púrpuras ou castañas. Espiñas das brácteas involucrais medias finas e non tan ríxidas e consistentes como as de S. pinnatifida. Flor de cor púrpura. O froito é un aquenio.
Hábitat
Especie de ambientes acidófilos, que se atopa nos bosques alterados de Quercus pyrenaica, así como nas súas orlas e matogueiras de substitución.
Distribución
Endemismo ourensán-sanabrés, que parece alcanzar o sector orocantábrico. En Galicia está localizada na serra do Invernadoiro, preto do alto de Touza (Ourense).
Categoría de conservación
En perigo de extinción.

Ficha (29 Kb)
