Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Rumex rupestris (Rumex rupestris)

Descrición

Planta perenne de ata 80 cm. Presenta un rizoma a partir do cal a planta danada pode rebrotar. As follas son dunha cor máis ou menos verdosa. Inflorescencia con verticilos subcontiguos, só os inferiores presentan brácteas. Valvas do froito con tubérculos grosos. Os froitos posúen unha alta flotabilidade e viabilidade tras longos períodos en auga mariña. Planta polinizada polos insectos que a visitan (entomofilia).

Demografía

As poboacións desta especie encóntranse fragmentadas na súa maioría e son de moi pequena entidade: non superan os 60 individuos (existen varias cun só individuo).

Hábitat

Vive en hábitats onde exista achega de auga fresca. Dous son os hábitats onde podemos atopar esta especie: o máis común son arroios que discorren sobre areas costeiras, aínda que tamén se pode encontrar en cantís, sobre paredes, areas ou coios.

Distribución

Localizada en varios puntos de Pontevedra (illa de Ons, Nigrán) e A Coruña (norte de Ferrol, Costa da Morte). A maioría destas poboacións inclúense dentro dun espazo protexido (LIC Costa Ártabra, LIC Costa da Morte, LIC Complexo Ons-O Grove e Parque Nacional das Illas Atlánticas).

Estado de conservación

As súas poboacións situábanse en lugares costeiros ata agora ben conservados, pero a intensificación turística produciu o desenvolvemento de infraestruturas (paseos, piscifactorías, facilitación de acceso...) que xa danaron gravemente certas poboacións debido á alteración de arroios, deposición artificial de arena e queima. A marea negra do Prestige tamén afectou notablemente este taxon.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Ficha (35 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS