Descrición
Planta acuática, perenne, levemente pilosa, que ten a peculiaridade de poder enraizar a profundidades de máis de 1 m. Follas flotantes con forma circular e bordo enteiro, dispostas sobre longos pecíolos. Emite estolóns que lle permiten estenderse e constituír comunidades. As flores (2-5), pentámeras, insírense nas axilas das follas superiores opostas, formando fascículos. Presenta pétalos lobulados dun amarelo intenso. As sementes son planas e están provistas de pelos marxinais para dispersarse pola auga.
Demografía
Quedaron poucos efectivos, situándose unha poboación na conca alta do río Miño e outra na parte baixa.
Hábitat
Desenvólvese en augas de curso lento e en áreas de inundación que comunican cos ríos, prevalecendo en charcas na época de estiaxe. Forma comunidades que enraízan en profundidade.
Distribución
As poboacións galegas están situadas no alto e baixo Miño, incluídas na Rede Natura 2000.
Estado de conservación
Teremos que diferenciar entre o alto e baixo Miño. No alto Miño, durante a época estival, as plantas están suxeitas a unha forte presión antrópica que prexudica os individuos destas áreas. No baixo Miño, a construción de paseos fluviais constitúe unha ameaza, podendo incluso levar á desaparición da especie no lugar.
Categoría de conservación
En perigo de extinción.

Ficha (29 Kb)
