Descrición
Trátase dun fieito supervivente da era Terciaria, dos tempos en que a Terra estaba dominada polos grandes dinosauros. Caracterízase por ter un cauloide subterráneo, chamado rizoma, moi longo e engrosado, estendido polo chan e que emite grumos erectos que se recobren por follas, chamadas frondes, de ata 3,5 m de lonxitude, persistentes durante todo o ano. Estas frondes encóntranse divididas moitas veces, teñen unha forma triangular e son moi brillantes pola face.
Reprodución
Cando se van reproducir, estes fieitos producen unas estruturas no envés das follas en forma de ril, chamadas soros, que son uns receptáculos onde se xeran e almacenan as esporas. Cando estas maduran, os soros abren e as esporas son transportadas polo vento.
Hábitat
Require zonas de sombra, temperaturas suaves durante todo o ano e unha elevada humidade na atmosfera e no solo, factores que case sempre ocorren xuntos en vales encaixados de forte pendente e próximos á costa. É habitual encontralos ao cabo de cascadas, que subministran humidade á maneira de salseiros, ou ben en bosques de ribeira maduros (ricos en ameneiros, freixos, abeleiras...).
Distribución
Está presente en zonas moi localizadas do N e NO do noso territorio, case sempre relegadas a bosques de ribeira ben desenvolvidos e conservados.
Estado de conservación
A principal ameaza reside na destrución do bosque para cultivos forestais de especies de crecemento rápido, na construción de minicentrais que alteran e destrúen os seus hábitats preferentes e os efectos derivados da presión humana (canalizacións, excursionismo...).
Categoría de conservación
En perigo de extinción.

Ficha (42 Kb)
