Descrición
É o máis pequeno dos nosos voitres. Alcanza unha lonxitude de 50 a 70 cm. As ás logran unha extensión de 1,68 metros.A cor da plumaxe é branca apardazada, ás negras, coa cara e o pescozo de cor amarela debido a que a pel está núa, bordeadas por unha gorgueira de plumas máis longas e levantadas de cor branca amarelada. Cabeza sobresaliente debido ao seu bico longo e afiado, aínda que este é menos consistente que o dos demais voitres.Os novos teñen a plumaxe uniforme parda escura, que vai aclarando coas sucesivas mudas ata alcanzar a plumaxe de adulto. A cor da pel da cara é agrisada.
Reprodución
A posta realízana entre marzo e abril, composta de 1-2 ovos. A incubación dura algo menos dun mes e medio, e os novos voitres permanecen no niño entre 2 e 3 meses. Terán que pasar 5 anos para que estes estean en condicións de procrear.
Alimentación
Aliméntase de preas e desperdicios, chegando despois que outros voitres. Nas súas zonas de invernada, tamén come os ovos dos pelicanos e flamengos collendo o ovo co bico e lanzándoo contra o chan, mentres que co ovo de avestruz é un auténtico especialista rompendo a casca con pedras dun tamaño adecuado.
Hábitat
Habita as áreas abertas, tanto de extensas chairas como de zonas montañosas. En España é moi común en todo tipo de terreos con rochedos e cantís.
Distribución
Trátase dunha ave estival cuxa chegada á península Ibérica se produce entre febreiro e abril. Cara a setembro e outubro regresan á sabana africana. Os individuos que migran adoitan ser aves adultas, pois os novos inmaturos permanecen no continente africano ata alcanzar a madurez sexual. En Galicia rexistrouse recentemente (primavera de 2007) a cría confirmada dunha parella na provincia de Lugo, despois de anos de ausencia como reprodutor.
Estado de conservación
O rigoroso control da prohibición do veleno parece a medida máis importante de cara á conservación da especie.
Categoría de conservación
Vulnerábel.

Ficha (32 Kb)
