Descrición
Grande e repoludo, que pode conseguir os 90 mm de lonxitude, coa pel lisa ou algo verruguenta. Ten unha espora metatarsal moi dura, de cor negra. Cabeza ancha e rugosa. Ollos moi grandes e prominentes, con pupila vertical e iris dourado ou verde claro con liñas sinuosas de cor negra. Lingua circular, libre por diante. As patas dianteiras teñen 4 dedos e as posteriores 5 con membranas interdixitais ben desenvolvidas.A cor do dorso é gris pálida, abrancazada, castaña clara ou incluso verde, cun pincharado formado por manchas escuras máis ou menos estendido. A zona ventral é de cor crema.
Reprodución
A época do celo comeza na fin do inverno e remata a mediados de maio. Acontece nas charcas, charcos e regatos. Gustan de augas fondas e calmadas. O amplexus é inguinal e pode durar ata catro días. O número de ovos por postura oscila entre os 1300 e os 6800, fixados ás plantas acuáticas en grosos cordóns xelatinosos.
Alimentación
Todo tipo de insectos e outros invertebrados, como escaravellos, arañas, abellas, chinches, larvas de bolboretas, etc.
Hábitat
Anfibio moi especializado, só está presente en zonas de solo areoso ou de terra moi solta. Preto da costa, en áreas de dunas, praias e veigas de lagoas litorais; no interior, en vales con solos idóneos.
Distribución
Ocupa as zonas máis cálidas do interior e da costa meridional, de maneira moi localizada.
Estado de conservación
Especie pouco coñecida aínda na nosa xeografía, e tamén bastante escasa por motivo da súa especialización en canto ao hábitat preferente. Como consecuencia, aféctalle seriamente a enorme presión urbanística e turística que se dá en toda a nosa franxa litoral.
Categoría de conservación
Vulnerábel.

Ficha (34 Kb)
